Noriega inaugura hoxe unha exposición con pezas do escultor Salvador GB Pereira
A mostra vaise inaugurar hoxe xoves, 17 de xaneiro, coa presenza do alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Martiño Noriega
Casa do Cabido, na praza das Praterías, vai acoller a exposición Nun recuncho de ningures, que reúne pezas do artista compostelán Salvador García-Bodaño Pereira, coñecido como RADU [Rescate Artístico Destino Utopía], realizadas con materiais reciclados.
A mostra vaise inaugurar hoxe xoves, 17 de xaneiro, coa presenza do alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Martiño Noriega. Ao acto asistirán, ademais do propio autor, a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; e o responsable de Exposicións do organismo interadministrativo, Juan Conde.
A exposición permanecerá na Casa do Cabido ata mediados do vindeiro mes de marzo. Poderá visitarse de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns a Casa do Cabido está pechada ao público.