A Biblioteca Ánxel Casal acolleu a presentación do proxecto "Biblioterapia, lecturas saudables"
A Biblioteca Pública Ánxel Casal acolleu onte a presentación desta actividade que intenta mellorar a concienciación social sobre os problemas emocionais e os trastornos mentais
O director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, asistiu onte á presentación do proxecto Biblioterapia, lecturas saudables, no que a Consellería de Cultura e Turismo colabora coa de Sanidade a través da Rede de bibliotecas públicas de Galicia. Trátase dun traballo que intenta mellorar a concienciación social sobre os problemas emocionais e os trastornos mentais, procurando reducir o estigma asociado con eles.
A idea inicial de poñer en marcha este proxecto xurdiu durante unha colaboración da Consellería de Sanidade con pacientes afectados por depresión e as súas familias. Con este punto de partida, a Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) comezou a traballar na articulación dunha iniciativa para revisar a evidencia científica dispoñible sobre o uso dos libros con fins terapéuticos e na súa implementación.
O seu obxectivo é o apoio a persoas con trastornos mentais, tales como depresión ou ansiedade, entre outros. Ademais, as lecturas propostas serán tamén de utilidade para os profesionais que van recomendalas como apoio terapéutico.
Para poder levar a cabo este proxecto, formouse un grupo de traballo con experiencia na materia. Nel integrouse a todos os axentes implicados, dende os profesionais do Servizo Galego de Saúde ata persoas con experiencia en grupos de lectura, profesionais de Bibliosaúde (Biblioteca Virtual do Sistema Público de Saúde de Galicia) e da Rede de bibliotecas públicas de Galicia.
O seu labor, que se prolongou durante un ano, foi imprescindible para conseguir unha listaxe de libros avaliada e consensuada dende unha triple perspectiva: clínica, literaria e lectora. O resultado é un conxunto de libros para nenos, adolescentes e adultos que poden ser empregados como apoio ou como complemento no seu tratamento, en grupos de lectura ou directamente polas persoas interesadas.