CCOO pide adecuar a clasificación profesional ao nivel de formación
O secretario xeral de CCOO de Galicia afirma que o emprego público na sanidade ten que volver estar "estreitamente ligado" á estabilidade e á calidade
A Federación de Sanidade de Comisións Obreiras pide adecuar a clasificación profesional ao nivel de formación. E a principal reivindicación do sindicato nunha xornada que tivo lugar onte en Santiago para, precisamente, orientar os profesionais neste sentido. O secretario xeral de CCOO de Galicia, Ramón Sarmiento, coida que a prestación dun servizo básico como é a sanidade "non pode descansar sistematicamente no compromiso vocacional dos seus profesionais".
Asemade, o dirixente sindical instou a Administración a que o emprego público na sanidade volva «estar estreitamente ligado ao emprego de calidade, á estabilidade, ás boas condicións de traballo e a un bo nivel de retribución».
Pola súa parte, o secretario xeral estatal de CCOO-Sanidade, Antonio Cabrera, sinalou que o mundo sanitario "é cada vez máis cambiante, con máis esixencias e máis competencias profesionais". Na súa opinión, a clasificación profesionais que recolle o Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP) "non se adecúa á realidade que estamos a vivir", xa que os profesionais da saúde "teñen máis competencias, fórmanse máis".
Por esta razón, CCOO-Sanidade vai facer unha proposta de nova clasificación profesional, que requirirá a cambios no Estatuto Básico. "Xa enviamos unha carta á ministra de Sanidade, pedindo que se abrise de novo no INCUAL a valoración das competencias profesionais, e o outro día presentamos na mesa xeral un escrito pedindo a necesaria modificación do artigo 76 do EBEP" —referente á clasificación profesional—, sinalou Cabrera.
PROGRAMA
A xornada comezou onte á mañá cara ás 10:30 cunha mesa redonda sobre a cualificación profesional, que se estenderá aproximadamente ata as 13 horas. Pola tarde haberá outra mesa redonda (de 15:30 a 16:30), neste caso sobre clasificación profesional. A xornada rematará cunha mesa máis (de 16:30 a 18 horas), sobre a adaptación da normativa á realidade, na que intervirán Eva Solla, do grupo parlamentario de En Marea, e Julio Torrado, do grupo parlamentario do PSdeG.
ADAPTAR A CATEGORÍA PROFESIONAL
No ano 2007, o Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP) introduciu unha nova clasificación das categorías profesionais, actualizada coas novas titulacións do Plan Boloña. CCOO-Sanidade leva anos traballando para conseguir a adaptación da categoría profesional dos profesionais sanitarios ao seu nivel de formación, coa consecuente mellora retributiva. Segundo o sindicato, a día de hoxe hai moitas persoas nunha categoría máis baixa da que lle correspondería. Con esta xornada, Comisións quere informar sobre os requisitos que se deben reunir e os pasos que se teñen que dar para solicitar a adecuación.