Colectivos feministas convocan unha rolda de prensa para para denunciar a manipulación da figura do "coordinador parental"
En Galicia, o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, xa fixo pública a súa intención de introducir esta figura na comunidade
Un grupo de asociacións, colectivos e organizacións sociais galegas ofrecerán hoxe, 17 de xaneiro, en Compostela, unha rolda de prensa para denunciar a manipulación e control que se está a facer da figura do coordinador parental, cuxa función será a de mediar en divorcios de alta conflitividade cando exista negativa por parte dos fillos ou fillas a manter contacto cun dos proxenitores.
En Galicia, o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, xa fixo pública a súa intención de introducir esta figura na comunidade.
Por iso, dende as asociacións e organizacións convocadoras queren advertir do monopolio existente á hora de formar persoas como coordinadores parentais e do control de todo o proceso da súa implantación por parte da Fundación Filia, "de ideoloxía moi conservadora, misóxina e negacionista do maltrato infantil e da violencia de xénero" afirman as organización convocantes.
Entre outros feitos, a Fundación Filia patentou o termo “coordinador parental” na Oficina de Marcas e Patentes e, grazas a un convenio coa Universidad Rey Juan Carlos, Universidad a Distancia de Madrid e a Universidad Católica de Murcia, imparte en forma de máster a única titulación existente no Estado para coordinadores parentais.