miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

O TSXG confirma a condena de oito anos de cárcere por unha violación en Ourense

O TSXG confirma a condena de oito anos de cárcere por unha violación en Ourense
Foto de arquivo
O TSXG confirma a condena de oito anos de cárcere por unha violación en Ourense

Os maxistrados consideran acreditado que o sospeitoso, tal e como consta na resolución da Audiencia, violou a vítima durante a madrugada do 2 de febreiro de 2017 nunha rampla dun garaxe comunitario

A sala do Civil e Penal do TSXG rexeitou o recurso de apelación interposto por un condenado pola Audiencia Provincial de Ourense a oito anos de cárcere como autor dun delito de agresión sexual. A sala, ademais, rexeitou as alegacións da acusación particular, que esixía que o acusado tamén fose sentenciado como autor dun delito de lesións. Os maxistrados consideran acreditado que o sospeitoso, tal e como consta na resolución da Audiencia, violou a vítima durante a madrugada do 2 de febreiro de 2017 nunha rampla dun garaxe comunitario. O imputado, segundo a sentenza, coñeceu a muller esa noite nun bar e ofreceuse a acompañala á súa casa. Durante o traxecto, tentou bicala e a afectada negouse. Despois de intercambiar unhas palabras, a vítima continuou a súa marcha, pero o condenado seguiuna ata chegar á altura do garaxe, onde se abalanzou sobre ela e a agrediu sexualmente.

O TSXG destaca que o recurso presentado polo sospeitoso “non menciona como infrinxida nin unha soa norma” e que se limita “a debullar e analizar practicamente a totalidade da proba para plasmar a súa particular versión dos feitos e relato exculpatorio”. Os maxistrados lembran que “o alcance exculpatorio das alegacións, escusas ou coartadas afirmadas polos acusados pertence ao ámbito da valoración da proba que compete en exclusiva ao tribunal que a presencia”.

Os datos obxectivos acreditan “plenamente a versión da vítima de que existiu unha penetración vaxinal e non o mero tocamento aducido polo acusado”, salienta o TSXG, á vez que sinala que o testemuño da muller é “persistente e verosímil” e está “perifericamente corroborado” polas lesións que sufriu, polos restos achados polos forenses no lugar dos feitos e polas declaracións da testemuña que alertou a policía.

O tribunal, respecto á condena por un delito de lesións que reclama a acusación particular, indica que ten que cinguirse “á parte da alegación da recorrente referida ás lesións psíquicas e non ás físicas, introducidas indebidamente en apelación”.

Comentarios
Lo más