Ames acolle este venres a obra “Da avaricia, a luxuria e a morte”
A composición, baseada no retablo homónimo de Ramón María del Valle-Inclán, é adaptada e levada a escena polo grupo Teatro do Noroeste
A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres, 18 de xaneiro, a representación da obra Da avaricia, a luxuria e a morte ás 21:00 horas. A composición, baseada no retablo homónimo de Ramón María del Valle-Inclán, é adaptada e levada a escena polo grupo Teatro do Noroeste.
As entradas, que poden adquirirse a través da Billeteira electrónica, teñen un custo de 5 euros en tarifa xeral e 2,5 euros na reducida. Asemade, o vestíbulo da Casa da Cultura aloxa do 14 ao 31 de xaneiro a exposición “Teatro do Noroeste: 30 anos actuando”.
Da avaricia, a luxuria e a morte xira en torno a tres pezas nas que cada un dos pecados do titulo están presentes en diversa forma e proporción, ata desembocar na súa consecuencia final: a morte. Teatro do Noroeste representa os textos curtos “Ligazón”, “A cabeza do Bautista” e “A rosa de papel” de Valle-Inclán, nunha obra na que cada un deles se relaciona de xeito estético con un dos elementos primarios.
Así, a primeira historia, un auto para siluetas, é unha reafirmación da propiedade da muller sobre o seu propio corpo, a través da historia dunha Moza que se planta ante a idea de que súa nai e súa tía vendan o seu corpo por unha gargantilla, que decide emanciparse deste poder a través dos seus propios desexos.
A continuación, “A cabeza do Bautista” trata sobre o plan de Don Igi e A Pepona de desfacerse do fillastro do primeiro, sen contar cos sentimentos que se desencadearán deste acto. Por último, a través de “A rosa de papel”, mostrarásenos o lume que crece no interior dun home que non foi capaz de valorar á súa muller en vida, que o consumirá coa morte dela.