Máis de cen profesionais da saúde participarán hoxe na xornada organizada por CCOO-Sanidade
Na xornada explicaranse os requisitos e pasos necesarios para adaptar a categoría profesional ao nivel formativo
A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia organiza hoxe mércores, día 16 de xaneiro, a xornada Cualificación profesional VS Clasificación profesional, na que participación de máis dun cento de profesionais da saúde. A acción formativa terá lugar no Hotel Puerta del Camino, en Santiago de Compostela.
Ás 10:00 horas haberá unha conferencia de prensa para presentar o evento, comparecencia na que intervirán Ángel Cameselle, secretario xeral de CCOO-Sanidade de Galicia, Antonio Cabrera, secretario xeral estatal de CCOO-Sanidade e Ramón Sarmiento, secretario xeral de CCOO de Galicia.
A xornada comezará ás 10:30 cunha mesa redonda sobre a cualificación profesional, que se estenderá aproximadamente ata as 13 horas. Pola tarde haberá outra mesa redonda (de 15:30 a 16:30), neste caso sobre clasificación profesional. A xornada rematará cunha mesa máis (de 16:30 a 18:00 horas), sobre a adaptación da normativa á realidade, na que intervirán Eva Solla, do grupo parlamentario de En Marea, e Julio Torrado, do grupo parlamentario do PSdeG.
Adaptar a categoría profesional á formación
No ano 2007, o Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP) introduciu unha nova clasificación das categorías profesionais, actualizada coas novas titulacións do Plan Boloña. CCOO-Sanidade leva anos traballando para conseguir a adaptación da categoría profesional dos profesionais sanitarios ao seu nivel de formación, coa consecuente mellora retributiva.
Segundo o sindicato, a día de hoxe hai moitas persoas nunha categoría máis baixa da que lle correspondería. Con esta xornada, Comisións quere informar sobre os requisitos que se deben reunir e os pasos que se teñen que dar para solicitar a adecuación.