miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Galicia consegue o récord de transplantes de órganos na súa historia

Galicia consegue o récord de transplantes de órganos na súa historia
Galicia consegue o récord de transplantes de órganos na súa historia

A nosa comunidade rexistrou 116 doadores de órganos no pasado exercicio, a cifra máis elevada da súa historia

O SERGAS acadou no pasado ano 2018 unha cifra récord de 354 transplantes de órganos nos seus hospitais, a máis elevada desde que se iniciou a actividade transplantatoria en Galicia. 

Do total de transplantes, 170 foron de ril; dos cales 31 procedían de doante vivo, 124 de fígado, 2 de páncreas, 25 de corazón e 33 de pulmón. Salientar que, desde que se realizou o primeiro transplante, no ano 1981, ata o 31 de decembro de 2018, xa se levan feitos en Galicia un total de 7.942 transplantes de órganos.

Os resultados do ano 2018 poñen de manifesto a importancia en Galicia do programa de transplante de ril de doador vivo, cuns resultados moi superiores á media nacional, realizando un total de 31 intervencións no pasado exercicio. 

Desde 2001, realizáronse un total de 310 transplantes neste apartado. O 19% do total de transplantes de ril en Galicia procede de doador vivo. Ademais, as taxas de transplante de corazón, fígado e pulmón atópanse por riba de media nacional.

DOAZÓN DE ÓRGANOS

O número de doadores de órganos cadáver en Galicia se situou en 116 (70 na provincia da Coruña, 14 na de Lugo, 3 na de Ourense e 29 na de Pontevedra); dato co que Galicia rexistra o mellor ano en número de doantes nun exercicio, o que supón que haxa 43 doantes por millón de habitantes.

No que atinxe ás causas de morte dos doantes, os motivos principais foron os accidentes cerebro vasculares (69%), sendo a porcentaxe de doadores por accidente de tráfico de tan só un 4%. Con respecto á idade media do doador, foi de 61,1 anos.

A taxa de negativas familiares situouse o pasado ano 2018 nun índice de 16,5%, a cifra máis baixa desde o inicio da actividade transplantatoria e que rexistra unha diminución de cinco puntos con respecto ao ano anterior. Así mesmo, salientar que, actualmente, en Galicia 111.565 persoas teñen tarxeta de doador. Destas, 3.916 son novas tarxetas realizadas no 2018 pola Coordinación de Transplantes de Galicia de ADOS.

Polo que se refire á doazón de medula ósea, salientar que Galicia acadou o obxectivo establecido polo Plan Nacional de Medula Ósea, rexistrando 1.076 novos doadores. Deste xeito, Galicia conta con preto de 11.000 doadores de medula ósea rexistrados, o que supón un incremento de preto do 25% desde a posta en funcionamento do Plan Nacional.

Comentarios
Lo más