Aberto o prazo de inscrición do Entroido Lúdico
O prazo de inscrición deste programa, que se pon en marcha por cuarto ano consecutivo, estará aberto ata o vindeiro 28 de xaneiro
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación e Cultura, abre o prazo de inscrición do programa de conciliación familiar Entroido Lúdico. O servizo desenvolverase, tanto no Milladoiro como en Bertamiráns, os días 4, 5 e 6 de marzo, en horario de 7:30 horas a 16:00 horas.
O Entroido Lúdico é unha iniciativa que lle facilita aos pais e nais conciliar a súa vida laboral coas vacacións dos seus fillos, mentres estes ocupan o seu tempo libre dunha maneira educativa e divertida. O programa, ao igual que o resto de lúdicos e o programa Escola de Verán, está dirixido a crianzas empadroadas no Concello de Ames, escolarizadas no segundo ciclo de Educación Infantil ou en calquera dos cursos da Primaria.
As familias que soliciten praza deberán, deste xeito, estar integramente empadroadas en Ames e deberán acreditar, asemade, a necesidade de conciliación entre a vida laboral e familiar por parte dos dous proxenitores ou titores.
Así, este lúdico terá lugar os días 4, 5 e 6 de marzo no CEIP da Maía, en Bertamiráns, e na EEI do Milladoiro. En horario de 9.00 a 14.30 horas, desenvolveranse todas as actividades e xogos que engloba este programa, agás para aquelas familias que soliciten o servizo de Bos Días, que comeza ás 7:30 horas, ou o servizo de comedor, que remata ás 16.00 horas.
Este programa de conciliación únese así aos xa ofertados de xeito regular ao longo do ano, como son o Nadal Lúdico, a Primavera Lúdica, o Xuño Lúdico e mailo Setembro Lúdico, que se suman a outras iniciativas de conciliación como a Escola de Verán.