miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Máis de 100 profesionais do servizo de Cardioloxía reuníronse en Santiago este fin de semana

Máis de 100 profesionais do servizo de Cardioloxía reuníronse en Santiago este fin de semana
Máis de 100 profesionais do servizo de Cardioloxía reuníronse en Santiago este fin de semana

No encontro tamén se expuxeron os obxectivos e proxectos a levar a cabo durante o 2019

Esta fin de semana reuníronse máis de 100 profesionais do servizo de Cardioloxía da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago, cuxo responsable é o doutor José Ramón González Juanatey, con membros dos servizos de Radiodiagnóstico encabezados polo seu xefe de servizo Roberto García Figueiras e do Servizo de Cirurxía Cardíaca entre os que estaba o seu responsable, Darío Durán, así como con membros do equipo directivo da xerencia da área, para avaliar os resultados asistenciais, docentes e investigadores do ano 2018 e expoñer os obxectivos e proxectos a levar a cabo durante o 2019.

Entre os proxectos para este ano destaca a posta en marcha do Proxecto de Imaxe Cardíaca Avanzada dentro da Unidade Mixta constituída co Servizo de Radiodiagnóstico que permitirá incorporar un equipo de TAC e outro de resonancia magnética de última xeración para desenvolver un proxecto de investigación sobre reenxeñería da asistencia, docencia e investigación da área cardiovascular. Varios servizos de cardioloxía españois e internacionais colaborarán coa XXIS no desenvolvemento deste importante proxecto.

A posta en marcha dun Proxecto de Seguimento Remoto dos Dispositivos de Estimulación Cardíaca (marcapasos, desfibriladores, etc) que amais de mellorar a atención a un importante número de pacientes, permitirá levar o control no domicilio evitando desprazamentos innecesarios ao hospital, é outra das iniciativas presentadas.

No transcurso da reunión tamén se falou de desenvolver novas modalidades de intervencionismo cardíaco, en particular sobre a substitución da válvula mitral sen necesidade de cirurxía; de continuar estendendo os Programas de Rehabilitación Cardíaca en atención primaria; é, por suposto, seguir mantendo a máis alta calidade en atención a pacientes con enfermidades do corazón, optimizando a xestión dos recursos e establecendo a cardio-CHUS como un centro de referencia en investigación sobre xestión sanitaria.

Comentarios
Lo más