miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Afundación e a Alianza Francesa poñen en marcha o ciclo de cinema "Leccións de vida"

Afundación e a Alianza Francesa poñen en marcha o ciclo de cinema "Leccións de vida"
Afundación e a Alianza Francesa poñen en marcha o ciclo de cinema "Leccións de vida"

Todas as proxeccións son de entrada libre e gratuíta ata completar a capacidade e en versión orixinal subtitulada

Afundación, a Obra Social de ABANCA, en colaboración coa Alianza Francesa de Santiago de Compostela, organizou o ciclo de cinema francés «Leccións de vida».

Os filmes 21 nuits avec Pattie, La belle et la belle, Je fais le mort, M, Primaire e Quelques heures de printemps son as escollidas para formar parte do cartel deste ciclo que se desenvolverá do 15 de xaneiro ao 26 de febreiro, con proxeccións en versión orixinal subtitulada todos os martes ás 20.00 h na Sede Afundación de Santiago de Compostela (rúa do Vilar, 19). A entrada é libre e gratuíta ata completar a capacidade.

OS FILMES

O ciclo inaugurarase mañá 15 de xaneiro coa película 21 nuits avec Pattie. Caroline interrompe as súas vacacións para organizar o funeral da súa nai, Isabelle, que faleceu repentinamente na súa casa dos Perineos. Alí establece amizade con Pattie, que coida da casa da súa nai, pero os preparativos do funeral dan un xiro inesperado cando o cadáver desaparece misteriosamente.

O día 22 de xaneiro proxectarase La belle et la belle, de Sophie Fillières. Narra a historia de como se coñecen Margaux, unha moza de 20 anos, e Margaux, de 45. Todo os une, son como unha única persoa pero en dúas idades diferentes das súas vidas.

A seguinte película, Je fais le mort, de Paul Salomé, poderase ver o martes 29 de xaneiro. Un actor en decadencia acepta o traballo de facer como vítima nunha recreación dun homicidio, pero pronto xorden discrepancias co detective que investiga o caso.

M, de Sara Forestier, proxectarase o 12 de febreiro. Lila e Mo coñécense nunha parada de autobús. Lila ten un problema na fala. Mo é falador e exuberante. Lila está a preparar os seus exames. Mo conduce coches en carreiras ilegais. Os opostos atráense, e eles namoran, pero Mo esconde algo.

O 19 de febreiro poderase ver Primaire, de Hélène Angel. Florence é unha mestra apaixonada, ten a enerxía e a forza dos seus 30 anos e os medios ao seu alcance para conseguir os mellores resultados dos seus alumnos. Entre o desexo do seu fillo Denis, que está na súa clase este ano, de marchar a vivir co seu pai; Sacha, un estudante a quen a súa nai descoida por completo, e todas as demais situacións coas que se enfrontan os seus alumnos, Florence vivirá un ano crucial.

Finalmente, o 26 de febreiro pecharase este ciclo con Quelques heures de printemps, de Stéphane Brizé. Tras cumprir unha condena de 18 meses por tentar pasar 50 quilos de cannabis, Alain sae do cárcere e vaise a vivir coa súa nai, unha muller humilde, pero que desde hai tempo é incapaz de ser cariñosa con el. O que ocorre é que está na fase terminal dun cancro e desexa acabar a súa vida dignamente en Suíza, onde unha asociación estaría sempre ao seu lado. 

Comentarios
Lo más