miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Os socialistas censuran as "maniobras exculpatorias" de Feijóo logo da denuncia polo falecemento de dous pacientes en urxencias do CHUS

Os socialistas censuran as "maniobras exculpatorias" de Feijóo logo da denuncia polo falecemento de dous pacientes en urxencias do CHUS
Foto de arquivo
Os socialistas censuran as "maniobras exculpatorias" de Feijóo logo da denuncia polo falecemento de dous pacientes en urxencias do CHUS

Xoaquín Fernández Leiceaga reclama explicacións parlamentarias e sinala que a situación da sanidade pública debería ter “esixido a dimisión ou cese do conselleiro”

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, criticou hoxe as “manobras exculpatorias” e a táctica de “balóns fora” iniciada polo presidente da Xunta e o conselleiro de Sanidade logo de coñecer que a Fiscalía admitira a denuncia polo falecemento de dous pacientes en Urxencias do Hospital de Santiago o pasado 2 de xaneiro. O responsable socialista reclamou explicacións parlamentarias xunto co resto da oposición.

Fernández Leiceaga criticou a resposta dada polo presidente da Xunta ao suceso do CHUS “evitando ir á raíz do problema” e comparouna coa súa reacción logo do falecemento dun paciente no PAC da Estrada mentres agardaba a que o único médico operativo volvera dun servizo externo.

Lamentou a “absoluta falla de conciencia” dos dirixentes do goberno galego sobre “as dificultades e os problemas da situación sanitaria que terían esixido a dimisión ou cese do conselleiro”. O responsable socialista apuntou á precaria situación da sanidade pública en Galicia, evidenciando “graves problemas” en contra da “visión de cor de rosa” que ofrece o goberno galego.

Recomendoulle ao presidente da Xunta que tome en serio as reclamacións non xa dos partidos políticos e a opinión pública, senón tamén os profesionais que o propio goberno ten recoñecido un altísimo nivel profesional e que “son os primeiros en dicir basta”. Sinalou á “emerxencia” provocada pola redución continuada de recursos, cun goberno centrado en axustar o gasto renunciando a reformar o sistema e permaneceu impasible diante dos problemas derivados do envellecemento da poboación, como pluripatoloxías ou cronicidade.

Presión excesiva

Fernández Leiceaga criticou a “presión excesiva” á que está sometido o sistema que está a agromar con situacións como a do falecemento dun paciente no PAC da Estrada, a dimisión en bloque dos xefes de servizo de Vigo ou a escaseza de pediatras. A estes feitos únense agora os dous falecementos en Urxencias do Hospital de Santiago, nunhas condicións “que a Fiscalía ten que determinar” logo de ter aceptado a denuncia dos médicos.

Son indicativos, explicou, da “situación límite” na que se atopa a atención sanitaria pública, que ten que afrontar ao mesmo tempo o incremento da demanda asistencial e os recortes do goberno galego, que impide aumentar os recursos ou mellorar a oganización. A Xunta, dixo, responde ao incremento do “estrés asistencial” con precariedade laboral, sen cobertura das ausencias e dificultando a activación voluntaria do traballo extraordinario”.

Apuntou que o presidente da Xunta “comeza a dar mostras de recoñecer máis dificultades reais das que sempre admitira”, pero sen embargo “a súa conciencia non evolucionou o suficiente”. Neste sentido, admitiu que o anuncio de contratación estable constitúe un “bo avance”, pero que resulta insuficiente e animou a negociar a proposta cos profesionais e sindicatos e estendela ao conxunto do sistema para reforzar tamén Atención Especializada.

Propostas

O responsable socialista advertiu que os Orzamentos da Xunta “impiden” levar adiante os anuncios do presidente da Xunta e as melloras que necesita o sistema. Leiceaga presentou unha batería de propostas para mellorar o sistema, cun Plan Especial para reforzar a Atención Primaria con máis recursos e mellorando as condicións laborais, alongando a xornada para loitar contra as listas de espera ou garantindo equipos completos nos PACs e evitar situacións como a da Estrada.

Cualificou tamén de “razoable” a demanda dos profesionais dos PACs, que piden limitar a 30 o número de pacientes atendidos por xornada, así como de reforzar a autonomía organizativa da Atención Primaria. De nada vale, dixo, que o presidente da Xunta “admita timidamente que queren recuperar a autonomía para a Atención Primaria” cando “non o fai de verdade” negándose a crear xerencias específicas.

Tamén propuxo reforzar a Atención Especializada incrementando a presenza de MIR, aumentando os recursos para reforzar a súa capacidade organizativa ou cun Plan especial de reforzo das áreas coas maiores listas de espera, como é o caso de Vigo.

Comentarios
Lo más