O conselleiro de Sanidade congratúlase pola mellora dos datos de tempo de espera para unha operación cirúrxica
A espera media cirúrxica en Galicia é de 61,6 días a decembro de 2018, o mellor tempo de espera dende que hai rexistro
O tempo de espera media cirúrxica en Galicia é de 61,6 días a decembro de 2018, case cinco días menos que en decembro de 2017, cando se situou en 66,4 días de espera media.
Este dato sitúase como a cifra máis baixa de toda a serie histórica de Galicia e en relación ao resto de comunidades, está entre as catro que teñen menos demora do Estado.
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, avanzou esta cifra durante a súa comparecencia na Comisión de Investigación do Sistema Sanitario do Parlamento.
Almuiña destacou outros indicadores de saúde que permiten ratificar a eficacia do sistema sanitario público de Galicia. Así, salientou que segundo os últimos datos publicados polo Ministerio de Sanidade que corresponden ao ano 2016, o investimento en sanidade en termos de PIB na nosa comunidade é do 6,6%, fronte á media do Sistema Nacional de Saúde (5,5%); e os euros destinados á sanidade pública son 1.420 para cada galego.
O conselleiro de Sanidade tamén destacou na comparecencia o esforzo realizado pola Xunta de Galicia nos orzamentos da sanidade pública galega, aos que se dedican máis do 40% do orzamento total. Neste senso, destacou que “cun orzamento inicial da Xunta no ano 2019 de case 1.110 millóns de euros menos que no ano 2008, o dedicado a Sanidade foi superior en 348 millóns de euros”.