En Marea pregúntalle á Xunta pola ausencia de pediatra en Cariño, Mañón e Ortigueira
Flora Miranda: "As previsións de novos especialistas seguen a ser insuficientes e a precariedade de contratación laboral no Sergas non contribúe a fixar profesionais no noso sistema sanitario"
A deputada de En Marea Flora Miranda Pena vén de rexistrar no Parlamento unha pregunta ao goberno de Feijóo para pedirlle explicacións pola decisión de non substituír o servizo de pediatría dos centros de saúde de Cariño, Mañón e Ortigueira, unha das comarcas máis periféricas no que a proximidade de centros sanitarios respecta.
"A facultativa que atende a estes tres concellos atópase en situación de incapacidade laboral desde o pasado luns 7 de xaneiro e a súa ausencia, como é tónica habitual, non foi reparada", denuncia Flora Miranda, para quen "as solucións que se achegan desde Sanidade son trasladarse ao centro de saúde de Cedeira, o que supón un longo desprazamento que non todas as familias poden asumir, ou esperar á tarde para poder acudir ao PAC, dispositivo sobre o que, unha vez máis, recae o peso da mala xestión sanitaria". "Cómpre lembrar ademáis, no caso do Ortegal, que o servizo de urxencias pediátrico hospitalario máis próximo é o situado no CHUF, en Ferrol, a máis de cincuenta quilómetros de distancia para calquera dos tres concellos", sinala a parlamentaria.
Para En Marea "a insuficienca de pediatras específicos para este ámbito, a ausencia dun modelo alternativo de xestión da demanda e a previsión de que o problema se prolongue no tempo" poñen en evidencia a incapacidade da Xunta para planificar a atención pediátrica, pois a ausencia de pediatra nestes tres municipios do Ortegal súmase a moitos outros concellos repartidos por todo o país.
Para Miranda "esta planificación debe garantir unha cobertura digna e estruturada para os nenos e as nenas deste país, afastada das solucións improvisadas e pouco sistematizadas que se están a dar" .
"A formación de pediatras non se realiza de modo inmediato, as previsións de novos especialistas seguen a ser insuficientes e a precariedade de contratación laboral no Sergas posterior ao remate da formación especializada non contribúe a fixar profesionais no noso sistema sanitario", conclúe a deputada de En Marea Flora Miranda.