Os patróns de Ribeira e Aguió trasladaron ao presidente da Xunta as súas inquedanzas
Entre os temas nos que se incidiu na devandita reunión bordouse o mantemento periódico das instalacións portuarias e a súa seguridade, en relación á cal existe certa preocupación no sector en canto á súa vixilancia, sobre todo nocturna
O alcalde e os patróns maiores de Aguiño e Riveira —Manuel Ruiz, José Antonio Santamaría e José Antonio Pérez, respectivamente— mantiveron unha reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e coa conselleira do Mar, Rosa Quintana, coa fin de facerlles coñecedores de primeira man das diversas inquedanzas e cuestións que resultan prioritarias para ambas confrarías e para o propio Concello.
Entre os temas nos que se incidiu na devandita reunión, celebrada en San Caetano, abordouse o mantemento periódico das instalacións portuarias e a súa seguridade, en relación á cal existe certa preocupación no sector en canto á súa vixilancia, sobre todo nocturna. Ademais, no que respecta ao porto de Santa Uxía analizouse tamén o proxecto de mellora no acceso aos pantaláns tanto da lonxa como das embarcacións de terceira lista, cuestión esta na que dende a administración autonómica se comprometeron a presentar esta mesma semana unha proposta. Tocante ao peirao de Aguiño se falou dun proxecto de instalación de pantaláns e da necesidade de mellorar a iluminación.
A creación de departamentos para os usuarios do porto de Corrubedo e diversas melloras para o porto de Palmeira foron outros asuntos analizados, ao igual que a desafectación de terreos sen uso portuario e a definición dos usos da antiga lonxa. Obra das Carolinas
Por último, un tema que tamén estivo enriba da mesa é o convenio entre Portos e o Concello para desenvolver as obras nas Carolinas que prolongan ás que se están executando do Malecón, algo que se fará efectivo a semana que vén.
Consciente da importancia que teñen os portos do municipio riveirense na rede de portos autonómicos e para a economía da comarca barbanzana, o presidente da Xunta mostrouse moi interesado por todos estes puntos, que se comprometeu a estudar.