Compostela Aberta independízase, xa non quere "compartir piso" con En Marea
O partido de Noriega necesita máis espazo e visibilidade para as eleccións municipais e están estratéxicamente mellor ubicados con novo local
Compostela Aberta mudou a súa casa. Xa non quere "compartir piso" con En Marea e independizouse. Agora o seu veciño será a agrupación local do Partido Popular na rúa Alfredo Brañas. O partido de Noriega necesita máis espazo e visibilidade para as eleccións municipais e están estratéxicamente mellor ubicados con novo local que na sede de En Marea, na rúa Santiago de Guayaquil. Eso é o que din, outra cousa é o que diga a "pataca".
O partido anunciou a súa apertura para mañá xoves 10 cunha festa de inauguración ás 20:00 horas. "En Compostela Aberta estamos de estrea, cun novo local co que estar máis preto da veciñanza e facer unha chea de actividades" afirman. O baixo que van ocupar era, ata fai pouco, unha tenda de roupa. Pero non se ten constancia de obras no interior do local.
No 2015, Compostela Aberta fixérase cun céntrico local dos antigos Almacenes Olmedo, na praza do Toural, no cal traballouse a campaña que lle deu a alcaldía de Santiago de Compostela. Pero coa creación de En Marea, partido impulsado sobre todo porlos alcaldes de Ferrol, A Coruña e Santiago, xunto con Anova, e seguiron traballando nese mesmo local. Eran momentos de xúbilo e entusiasmo, Noriega e Villares saían xuntos no mesmo selfie.
Transcorreu o tempo e tiveron que deixar o baixo do Toural, e as formacións, daquela bestfriends, fóronse da man ao "piso" de Santiago de Guayaquil, actual sede de En Marea. Pero a crise interna do partido instrumental xeou a relación entre Compostela Aberta e En Marea, polo que a primeira decidiu deixar de "compartir piso" e independizarse para o arranque da súa campaña electoral. A separación foi de xeito civilizado, e aínda que o orgullo impida expresalo, seguro que se botan de menos.