Conclúe a investigación dos cinco acusados sobre presuntos contratos irregulares no Concello do Carballiño
A instrutora conclúe que existen indicios de que os investigados, no exercicio dos seus cargos, subscribiron nos seus respectivos períodos de mandato “un gran número de contratacións de persoal laboral de duración determinada para o desempeño de labores de competencia municipal”
O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 do Carballiño finalizou a investigación sobre as contratacións realizadas entre 1999 e 2011 por dous ex alcaldes do Carballiño, Manuel V. e Carlos Alberto M., e os ex concelleiros Elisa D., Alfonso P. e José Antonio B. A maxistrada acordou que a causa se siga contra os cinco investigados por se os feitos que se lles imputan fosen constitutivos de cinco delitos de prevaricación continuada.
A xuíza tamén decretou no auto emitido hoxe o sobresemento provisional respecto da presunta falsidade documental atribuída a Carlos Alberto M. e a persoación do Concello do Carballiño como responsable civil subsidiario.
A instrutora conclúe que existen indicios de que os investigados, no exercicio dos seus cargos, subscribiron nos seus respectivos períodos de mandato “un gran número de contratacións de persoal laboral de duración determinada para o desempeño de labores de competencia municipal”, en concreto, respecto de 60 traballadores.
Eses contratos temporais, que finalmente deviñeron en indefinidos, foron realizados polos ex alcaldes e ex concelleiros en representación do Concello do Carballiño, presuntamente, “sen atender aos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade que deben inspirar a contratación pública”.
Os investigados, supostamente, coñecían “as advertencias e reparos de legalidade realizados en ocasións pola interventora e o secretario”, segundo sinala a instrutora, quen tamén destaca que “en ningún caso pediron informes sobre a legalidade das contratacións que efectuaban”.
A maxistrada, ademais, afirma que, a pesar das procuras de documentación, tanto a requirimento do TSXG como do xulgado, non puideron acharse os expedientes "da inmensa maioría dos contratos incluídos na causa”.
A xuíza admite, con todo, que tamén existen indicios que apoiarían algúns dos argumentos das defensas. Os investigados alegan que ata 2007 non había regulación específica dos procedementos de selección de persoal laboral temporal ao servizo da administración local.
Ademais, aseguran que existiron procedementos de selección dos traballadores, aínda que os expedientes se acharían “dispersos” en diversas dependencias municipais.
“No presente caso hai indicios de diversa natureza, a maioría deles apoiando a versión sostida polo Ministerio Fiscal nas súas querelas e outros apoiando, polo menos parcialmente, as versións das defensas”, destaca a maxistrada, quen lembra que corresponde ao órgano de axuizamento “valorar a maior ou menor transcendencia daqueles indicios para integrar os requisitos xurisprudenciais do delito de prevaricación”.
A titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 do Carballiño deu por finalizada a instrución e acordou dar traslado ao Ministerio Fiscal e ás acusacións para que no prazo de dez días formulen escrito de acusación, solicitando a apertura de xuízo oral, o sobresemento da causa ou, excepcionalmente, a práctica de dilixencias complementarias. O auto non é firme, xa que contra el cabe recurso, ante o propio xulgado e a Audiencia Provincial de Ourense.