O BNG de Ribeira denuncia que a mala localización dos contedores pon en risco aos peóns
Vázquez Cobas afirma que a xestión non podería ser peor pois seguen poñendo contedores enriba de beirarrúas malia as queixas de BNG e veciñanza
O BNG mostra o seu malestar ante a nefasta xestión que está realizando Ruiz Rivas en Ribeira e nas parroquias coa instalación dos contedores de lixo. O voceiro do Bloque Xosé Vázquez Cobas, criticaba hai unhas semanas a falta de previsión á hora de instalar os novos contedores de lixo, e declaraba que “non tiña sentido poñer contedores obstaculizando beirarrúas e impedindo o paso de persoas, algo que cae de caixón”. Este feito lonxe de se solucionar, está a incrementarse a outros lugares como se pode comprobar en Frións, nas parroquias de Artes, Olveira e Aguiño coa colocación de novos contedores enriba de beirarrúas ou en curvas.
Vázquez Cobas afirma que isto é unha irresponsabilidade porque se pon en risco a seguridade viaria de peóns ao obrigalos a transitar pola estrada. Ademais, Vázquez afirma que non se pode dicir que se traballa na accesibilidade universal se logo se fan estas chapuzas, e agrumentou que “se o BNG tivese responsabilidade de goberno, tería actuado con tempo suficiente para procurar os emprazamentos máis axeitados cos que evitar molestias e riscos aos transeúntes”.
Con respecto ao modelo de tratamento dos residuos, Vázquez Cobas voltou incidir en que o modelo do Bloque non é o do PP que manda todo a Sogama para queimar, o modelo do Boque baséase nas tres R+C; redución, reutilización, reciclaxe e compostaxe.
Cobas asegura que o Bloque traballará para que Ribeira mellore o tratamento do lixo cun modelo como o que propoñen no que se fomenta a compostaxe de restos orgánicos e que leva parellado un abaratamento do custe, pois redúcese a factura que se lle paga a Sogama para que queime todo o lixo. Por último o modelo que propón o BNG está avalado polas directrices da Unión Europea que establecer que o 50% dos resiudos orgánicos en 2020 teñen que ser compostados, algo que o Concello de Ribeira non está facendo e que o BNG está disposto a reverter.