O tripartito de Ames non implementou o programa “Xantar na Casa” e perdeu o pasado ano a aportación da Xunta de Galicia
A pesares de estar firmado o convenio coa Xunta de Galicia, e as cantidades consignadas no orzamento, o Goberno non elaborou unha simple ordenanza reguladora do servizo
O programa “Xantar na Casa”, é unha iniciativa financiada pola Consellería de Política Social, cuxo obxectivo é facilitar a permanencia nos seus propios domicilios das persoas maiores con algún tipo de dependencia. Mediante este programa ponse a disposición destes maiores os menús preparados para toda a semana que precisan, ampliándose o servizo de axuda domiciliaria e garantindo o control dietético apropiado ás necesidades e ao estado nutricional das persoas maiores usuarias. O programa, un servizo cofinanciado pola administración e as persoas beneficiarias, está subvencionado aproximadamente ao 50% pola Xunta de Galicia, ao 25% polo Concello de Ames, e o resto de aportación corresponde ao propio usuario.
O Alcalde de Ames, José Miñones e a Concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, formalizaron co entón Conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, a incorporación do Concello de Ames ao programa. Un programa do que a Concelleira Luisa Feijóo manifestaba: “O programa “Xantar na Casa” como complemento do Servizo de Axuda no Fogar posibilitará a diferentes usuarios do noso Concello levar unha alimentación equilibrada e de calidade, adaptada ás súas necesidades básicas. Con este recurso facilitaremos que as persoas maiores, dependentes ou que estean en situación de risco de exclusión poidan seguir mantendo a súa autonomía. Este programa proporcionaralles polo tanto unha alimentación de calidade e nutritiva, evitará que leven unha dieta inadecuada, previndo situacións de risco que se poidan producir na cociña ou incluso facilitando un respiro ás familias e ás persoas coidadoras, contribuíndo ao impulso de medidas de conciliación da vida familiar e laboral, sobre todo as mulleres”.
En relación ao propio programa, o Pleno Ordinario celebrado no mes de abril, aprobou por unanimidade o Convenio de colaboración entre o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e o propio Concello de Ames, no que daba conta dunha partida de 18.036€, correspondente ao 25% do gasto total ozamentado do servizo para o 2018, sendo a contía total 75.000€, aportando a Xunta de Galicia polo tanto, máis de 36.000€.
Pero para que o servizo entrase en funcionamento efectivo, era preciso que o Goberno someterá ao Pleno a aprobación da correspondente ordenanza reguladora do servizo; algo que ata o día de hoxe non se fixo, provocando así que a as cantidades recollidas no orzamento non se destinaran a esa finalidade, e polo tanto se perdese a financiación por parte da administración autonómica.