Mañá mércores derradeiro día para visitar na Casa do Cabido a mostra que reúne debuxos das tres edicións de “Compostela Ilustrada”
Poden contemplarse un centenar de obras de 32 artistas de diferentes países, entre eles Miguelanxo Prado, Javier Mariscal, Catel Muller, Mr. Zé ou o xaponés Ikeda Munehiro
O Consorcio de Santiago patrocina a exposición “Tres anos de Compostela Ilustrada. Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe”, que pode visitarse na Casa do Cabido dende o pasado 22 de novembro. A mostra aglutina un centenar de obras de 32 artistas procedentes de diferentes puntos de España, Portugal, Francia e Xapón, participantes destes encontros, unha iniciativa que arrancaba no ano 2016 baixo a dirección do ilustrador Miguelanxo Prado. O derradeiro día para percorrela será este mércores, 9 de xaneiro, en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.
A mostra, comisariada por Gemma Sesar, expón por primeira vez unha selección dos traballos de “Compostela Ilustrada”, realizados durante estes tres anos de vixencia do certame -2016, 2017 e 2018- polos artistas convidados, tanto figuras recoñecidas como valores en alza, e polos participantes no mesmo. É o caso de nomes como Javier Mariscal, Miguelanxo Prado, os franceses Catel Muller e Lapin, Fausto, Maru Godas, Inma Serrano, Celia Burgos, Joaquín González Dorao, Isabell Seidel, Ana Luisa Frazão, Mr. Zé, Nanda Cabaleiro ou o xaponés Ikeda Munehiro, entre outros moitos.
Tal como resaltan os seus promotores, as tres pezas clave de “Compostela Ilustrada” son o turismo, a cultura e a arte; posto que busca descubrir e promocionar unha cidade diferente aos propios composteláns e tamén aos seus visitantes. Por outro lado, poñen de manifesto que “os movementos de debuxantes urbanos están cada día máis en auxe e forman parte xa da paisaxe das grandes cidades, cuxos habitantes están afeitos a ver grupos de xente na rúa retratando o que ven, porque aquí o bo non é tanto a excelencia do debuxo senón a frescura e o achado de capturar o momento que reflicten”.