O Concello de Ribeira amplía a súa oferta de emprego público
A ampliación consta da incorporación de dúas novas prazas de policía local
O Concello de Ribeira xa aprobara no pasado setembro unha oferta de emprego público para contratar dúas prazas de axente de policía local, un arquitecto, un arquitecto técnico e un auxiliar de biblioteca, de conformidade coas taxas de reposición que establece a Lei 6/2018 de Orzamentos Xerais do Estado.
Agora o Boletín Oficial da Provincia anuncia no día de hoxe que se vai ampliar esta oferta de emprego incorporando outras dúas prazas, ambas con natureza de funcionario e correspondentes a un oficial e a un axente de policía local.
Esta ampliación está motivada pola xubilación de dous integrantes do corpo local de policía que se acolleron ao real decreto aprobado o mes pasado polo goberno estatal que permite a xubilación anticipada sempre que se cumpran determinados requisitos.
Serán por tanto catro as prazas de policía incluídas na oferta, a maiores das dun arquitecto, un arquitecto técnico e un auxiliar de biblioteca.