Absolven a unha muller condenada por lesionar ao seu marido cun coitelo
Os maxistrados absolveron á sospeitosa do delito de lesións polo que fora sentenciada porque consideran nula a declaración efectuada pola vítima
A sala do Civil e Penal do TSXG estimou o recurso de apelación presentado por unha muller condenada pola Audiencia Provincial da Coruña a dez meses de cárcere por lesionar a súa parella cun coitelo de cociña durante unha discusión en xaneiro de 2017 no domicilio que compartían.
Os maxistrados absolveron á sospeitosa do delito de lesións polo que fora sentenciada porque consideran nula a declaración efectuada pola vítima ante a policía ao non ser informada "do seu dereito a non denunciar" por manter unha relación con convivencia coa acusada.
O TSXG subliña que nin os informes médicos nin o da inspección ocular realizada no lugar dos feitos puideron ser tomados en conta “para obter a conclusión incriminatoria de que a acusada lesionou intencionadamente á vítima no antebrazo dereito”.