Noite chea de incidencias polo xeo nas estradas
Os avisos recibíronse desde as sete da tarde de onte ata esta mesma mañá
Galicia sofre unha noite caracterizada pola presenza de xeo nas estradas. De feito, o 112 Galicia recibiu mais de 80 avisos pola formación de placas en diferentes puntos da xeografía galega sen causar danos de extrema gravidade.
Os avisos recibíronse desde as sete da tarde de onte ata esta mesma mañá, na que varios condutores perciben as estradas esvaradías, brillantes por tramos e esbrancuxadas.
Precisamente, ao fío das once da noite de onte, en Sanxenxo, rexistrouse un accidente. Concretamente, un vehículo que se saíu da vía debido á estrada esvaradía. Como consecuencia do impacto, tres persoas resultaron feridas e foron evacuadas por un equipo do 061-Urxencias Sanitarias.
Este sinistro produciuse na estrada de Meaño a Sanxenxo, ao paso pola parroquia de Nantes.