O Festival de Reis de Lousame reúne a máis de catrocentas persoas no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra
As Súas Maxestades os Reis Magos fixeron a entrada no polideportivo pasadas as 18:30 horas
Máis de catrocentas persoas participaron esta onte no Festival de Reis do Concello de Lousame, celebrado no polideportivo municipal “Pilar Barreiro Senra”. Unha festa organizada polo Concello de Lousame e que incluíu múltiples xogos: tres inchables, un xiraloco, un inchable de “combates” con gomaespuma e mesmo un posto de videoxogos.
As Súas Maxestades os Reis Magos fixeron a entrada no polideportivo pasadas as 18:30 horas. Melchor, Gaspar e Baltasar chegaron na mesma carroza coa que esta mañá percorreron as parroquias do municipio e repartiron caramelos entre os numerosos nenos e nenas que os agardaban na porta do polideportivo. Despois, os escoitaron un por un sobre o escenario, onde cada pequeno levou unha bolsa de lambonadas de agasallo.
A festa rematou cunha degustación gratuíta de chocolate con churros e rosca para todos os presentes, maiores e pequenos, que foi moi agradecida nunha xornada fría. A maiores, durante toda a xornada estivo operativo un posto de flocos de millo de balde.