Xoán Bascuas reclama a Noriega que pida a Fomento melloras nas estradas do Concello
Bascuas sinala que “a veciñanza de Santa Lucía e A Sionlla arríscanse a diario para cruzar a estrada, algo que se podería solucionar con pasos de peóns regulados con semáforos”
Xoán Bascuas, candidato de Compromiso por Galicia nas próximas eleccións locais, pídelle ao Alcalde que faga as xestións necesarias para que o Ministerio de Fomento faga melloras nas estradas do Concello.
Dende Compromiso por Galicia observan que a rede viaria dependente do Estado no termo municipal de Santiago atópase con diversas necesidades que afectan á veciñanza.
Así, por exemplo, Bascuas sinala que “a veciñanza de Santa Lucía e A Sionlla arríscanse a diario para cruzar a estrada, algo que se podería solucionar con pasos de peóns regulados con semáforos”.
De igual xeito, os galeguistas indican que o firme das vías dependentes de Fomento necesitan unha nova capa de asfalto en moitos puntos como no periférico, na autovía do aeroporto ou a propia avenida de Asturias.
Por outra banda, tamén relacionado con Fomento, dende Compromiso sinalan que é necesario que se concreten os prazos de execución dunha obra que solucionará o tráfico nas zonas industriais como o atascado Polígono de Costa Vella e a intercomunicación entre A-54, A-9, N-550 e SC-20.
“Non é de recibo que os Concellos colindantes como Ames e Oroso estén a conseguir solucións aos seus problemas viarios e non as haxa para a Capital de Galicia”, apunta Bascuas.