Un total de 22 empresas presentaron ofertas para a plataforma única en sendos tramos das rúas Rosalía de Castro e Lugo
O prazo de execución da obra son tres meses
Unha vez rematado o prazo de presentación de ofertas, un total de 22 propostas foron presentadas para executar a actuación destinada á instalación de plataforma única en dous tramos do centro urbano de Riveira: un situado na rúa Rosalía de Castro e outro na rúa Lugo, perpendicular ao anterior.
O investimento que se prevé na execución desta obra, financiada co remanente de tesourería, ascende a 244.093 euros, IVE incluído, e ten por obxecto continuar o proceso de humanización da cidade e mellorar a accesibilidade, cun cambio de xerarquía no que os peóns gañen en prioridade respecto aos vehículos a motor.
Así, conforme ao proxecto técnico elaborado polos servizos municipais, no que se refire a Rosalía de Castro a actuación abrangue entre a confluencia con Marcial del Adalid e o entronque co actual tramo peonil de Rosalía de Castro [é dicir, ata a altura da antiga Sanyg]. En canto á rúa de Lugo, comprenderá entre a praza do Concello e a encrucillada con Cristóbal Colón.
En ambos casos, o aglomerado da calzada será substituído por un pavimento de formigón semipulido intercalado con franxas transversais formadas por lousas de granito de 60x40x8, en tanto que as beirarrúas serán de granito silvestre de 60x40x4. Dáse continuidade así aos materiais empregados na parte inferior de Rosalía de Castro.
REUNIÓN COS TAXISTAS
Ao fío disto, cómpre informar de que tras ser consensuado nunha reunión do alcalde con representantes do colectivo de taxistas da cidade, unha vez se fagan as obras a nova parada estará emprazada definitivamente na rúa Otero Pedrayo, con saída cara á praza do Concello.