Os populares reclaman de novo a limpeza e acondicionamento do lavadoiro de Conxo de Abaixo
A maiores desta situación, na actualidade o camiño que conecta esta zona do lavadoiro coa glorieta da SC-20 en Conxo, que discorre en paralelo ao trazado do vial de alta capacidade, atópase inzado de maleza e en malas condicións
O grupo Municipal Popular presentará no vindeiro Pleno un rogo co fin de que o Goberno de Compostela Aberta proceda á limpeza do lavadoiro e a fonte de Conxo de Abaixo e a súa contorna, ademais de acondicionar o camiño que conecta coa glorieta da SC-20, co fin de dignificar un enclave e unha construción popular que forma parte da historia deste emblemático barrio e dos veciños de Santiago.
O equipo que dirixe Agustín Hernández, non pode deixar de insistir "na incongruencia que supón a actitude do Goberno de Compostela Aberta co reiterado abandono dos conxuntos etnográficos, posto que mentres se destinan recursos a actos culturais, supostamente para a súa posta en valor, con puntuais e lixeiras accións cosméticas, se manteñen no máis absoluto esquecemento durante todo o ano a maioría destas mostras de arquitectura popular que achegan historia e personalidade a moitos barrios e lugares" aseguran.
Non é a primeira vez que o Grupo Popular presenta unha iniciativa sobre a fonte e lavadoiro público de Conxo de Abaixo conscientes da importancia de preservar este patrimonio cultural, "a pesar da indiferenza coa que vén actuando o Goberno de Martiño Noriega ao respecto".
No caso deste patrimonio público radicado en Conxo de Abaixo, a unha iniciativa anterior presentada hai máis de un ano –concretamente no Pleno de outubro de 2017- para a súa limpeza e acondcionamento, o concelleiro responsable de Medio Ambiente afirmou que o que se solicitaba daquela “está feito desde o principio da semana”.
A limpeza que se levou a cabo foi moi superficial e parcial –sen continuidade no tempo- e sen incluír nin a reposición da auga na fonte e no lavadoiro nin un mínimo acondicionamento dunha contorna, tal e como se solicitaba expresamente na iniciativa, a pesar da súa profunda degradación pola presenza de vellos materiais de obra que permanecen acumulados no lugar, quizais como excedentes dalgunha actuación anterior nas proximidades.
A maiores desta situación, na actualidade o camiño que conecta esta zona do lavadoiro coa glorieta da SC-20 en Conxo, que discorre en paralelo ao trazado do vial de alta capacidade, atópase inzado de maleza e en malas condicións, dispoñendo dun unicamente dun pequeno carreiro para o tránsito peonil, a pesar da súa utilidade para a mobilidade da zona.