Un cable eléctrico provoca un incendio nunha nave porcina de As Pontes
Os feitos ocorreron no lugar do Gallel, ao fío das 10:00 horas
Un incendio que tivo lugar esta mañá nunha nave de gando porcino nas Pontes de García Rodríguez deixou danos menores no interior da explotación. Foi un cable eléctrico o que ardeu e, a causa dos efectos do lume, pereceron cinco porcos.
Os feitos ocorreron no lugar do Gallel, ao fío das 10:00 horas. Nese momento, o 112 Galicia tivo constancia do incendio a través do dono da explotación e, acto seguido, o persoal do CIAE-112 requiriu a intervención dos Bombeiros do Eume, da Garda Civil, da Policía Local, de Protección Civil e do 061-Urxencias Sanitarias.
Unha vez na nave, os membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento do Eume comprobaron que o lume xa fora sufocado polo dono da explotación e un empregado, polo que ventilaron a instalación e regresaron a base.