miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Nuria Lago mostra micropaisaxes do seu interior nunha exposición no Centro Empresarial do Tambre

Nuria Lago mostra micropaisaxes do seu interior nunha exposición no Centro Empresarial do Tambre
Nuria Lago mostra micropaisaxes do seu interior nunha exposición no Centro Empresarial do Tambre

Compoñen a mostra dezaseis pinturas de estilo expresionista abstracto, realizadas en acrílico sobre papel

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) inaugurará hoxe luns, día 7, a exposición “Insuas” da artista Nuria Lago. O acto será ás 20:00 horas no Centro Empresarial do Tambre, e contará coa presenza da autora e do comisario da exposición e membro da xunta directiva da asociación empresarial Manuel Nieto. A exposición estará aberta ao público ata o vindeiro 31 de xaneiro.

Nuria Lago titulou esta mostra "Insuas" porque cada unha das obras que a compoñen son micropaisaxes do seu interior. “Así como o termo insua fai referencia a unha pequena illa, as miñas "Insuas" son instantáneas produto de pequenas meditacións, dunha especie de altos no camiño do proceso artístico, de profundas introspeccións, xa que esta mostra constitúe para min unha declaración de principios sobre o imprescindible da autoobservación e a autocrítica. En definitiva, unha testemuña da inevitable soidade do artista” –explica–.

A exposición componse de dezaseis pinturas de estilo expresionista abstracto, realizadas en acrílico sobre papel, ao igual que toda a súa obra. Nuria Lago sinala que o seu traballo ten un marcado carácter lírico e intimista, e coas súas pinturas trata de facer sempre un canto á beleza e ao pracer. “Algo moi importante para min como artista é conseguir tocar a sensibilidade e a sensorialidade do público, en definitiva, que sintan. O mesmo que un poema pode provocar sensacións e emocións distintas en cada lector, cada unha das miñas Insuas pode conseguir iso mesmo” –indica–.

Nuria Lago (Vigo, 1979) recibe a súa formación académica na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo (EMAO), sendo a súa traxectoria principalmente autodidacta. Desenvolve a súa actividade artística desde finais dos anos noventa, expoñendo en mostras colectivas e de forma individual, así como sendo seleccionada en diferentes certames nacionais e internacionais. Actualmente, o seu labor investigador desenvólvese no ámbito da pintura contemporánea. 

Comentarios
Lo más