miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

A compostelana Anaís Fernández e Noemí Salomón interpretarán parte da obra do "Mestre Vide"

A compostelana Anaís Fernández e Noemí Salomón interpretarán parte da obra do "Mestre Vide"
A compostelana Anaís Fernández e Noemí Salomón interpretarán parte da obra do "Mestre Vide"

O traballo discográfico titúlase “MESTRE VIDE. Obra para piano e canto-piano” e está formado por dous discos coa obra para piano e un terceiro coa obra para canto e piano; o traballo complétase cun libreto de 40 páxinas

Co gallo do 125 Aniversario Nacemento do compositor ourensán José Fernández Vide (1893-1981), o músico e investigador pontevedrés Oscar Ibáñez impulsou a gravación da súa obra completa para piano e para canto e piano, moi pouco coñecida ata o momento, na maxistral interpretación da pianista redondelá Noemí Salomón e da soprano compostelá Anaís Fernández, que son dúas das máis novas e brillantes intérpretes da actualidade. 

O traballo discográfico titúlase “MESTRE VIDE. Obra para piano e canto-piano” e está formado por dous discos coa obra para piano e un terceiro coa obra para canto e piano; o traballo complétase cun libreto de 40 páxinas con textos dos musicólogos Carlos Villanueva e Javier Jurado, así como do fillo do compositor Antonio Fernández García-Vide, sobre a vida, a obra e a personalidade do compositor.

O vindeiro mércores, 9 de xaneiro, ás 20:30 horas, Noemí Salomón e Anaís Fernández interpretarán unha selección da extensa obra para piano e canto-piano do Mestre Vide no Paraninfo da USC para presentar o triplo álbum conmemorativo.

Da obra para piano de Vide, complexa tecnicamente, cabe destacar a enxebreza das súas numerosas muiñeiras e das súas dúas suites (alborada, alalá, muiñeira), dentro dunha produción que abrangue tamén a música de salón (pasodobre, valse) e do café-concerto (galop, foxtrot), entre a que atopamos ademais un danzón como chiscadela á súa etapa cubana. 

Da obra para canto e piano sobresaen as súas fermosas canzóns, na liña das melodías galegas de Montes, Chané ou Baldomir, ás que Vide, dado o seu dominio do piano, aportou un acompañamento enriquecido, conservando a unidade absoluta co canto, sobre poemas de Curros Enríquez, Manuel Murguía, Blanco Amor, Gayoso Frías, José Fariña Jamardo ou Matilde Lloria, ás que se suman cancións en español, algunhas delas propias do espectáculo de variedades, e outras sobre ritmos cubanos, claras testemuñas das influencias da outra beira do Atlántico.

O achegamento á obra do Mestre Vide reafirma que a historia da música galega hai que escribila cotexando as dúas beiras do Atlántico. Este é o caso dun músico con gran oficio e unha completa formación, primeiro como neno de coro, logo como organista da catedral de Ourense e diariamente como docente, particular e máis na Escuela Normal de Magisterio, director do Orfeón Unión Orensana e músico de salón e café-concierto, que inmediatamente intégrase na vida musical da Habana, a requirimento do Centro Gallego, para dirixir o orfeón, rondalla e coro típico da institución, asumindo tamén a dirección do seu conservatorio con posterioridade; na illa caribeña compuso para todo tipo de combinacións acadando un notable recoñecemento dentro da comunidade galega. 

Ao seu retorno a Ourense retomou a súa diversa labor musical, que lle proporciou novos recoñecementos, ligado paralelamente ao movimiento galeguista, especialmente ao círculo ourensán da revista Nós, e converteuse nun imprescindible no ambiente musical da cidade das Burgas ao longo de toda a súa vida.

Comentarios
Lo más