Excarcerada unha persoa tras unha colisión entre dous coches en Ortigueira
O sinistro ocorreu sobre as 14:00 horas en Santa Marta
Unha persoa resultou ferida esta tarde en Santa Marta, no concello coruñés de Ortigueira, despois de que o vehículo no que circulaba chocase con outro e envorcara. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, a vítima tivo que ser excarcerada polo GES de Ortigueira ao quedar atrapada no interior de un dos turismos accidentados.
O sinistro ocorreu sobre as 14:00 horas da tarde de hoxe. Foi a esa hora, cando varios particulares contactaron co CIAE 112 para alertar dunha colisión entre dous coches con unha persoa atrapada.
Decontado, os xestores do 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, dos Bombeiros de Eume, do GES de Ortigueira, ademais dos axentes da Garda Civil de Tráfico e dos voluntarios de Protección Civil de Ares.
Tras ser liberada, a vítima foi evacuada polos efectivos sanitarios ao centro hospitalario de referencia.