Os populares publican un novo díptico denunciando o estado de abandono dalgunhas zonas do Casco Histórico
Os Populares tamén reclaman a posta en marcha dunha política de incrementos económicos para mellorar e facilitar a implantación de actividades económicas, así como a rehabilitación dos edificios
O Grupo Municipal do Partido Popular vén de publicar e repartir un novo díptico no que denuncian o estado de abandono dalgunhas zonas do Casco Histórico de Santiago.
Esta publicación recolle numerosas queixas que teñen trasladado os veciños, desde hai xa tempo, e que o Goberno de Compostela Aberta segue sen poñer remedio, co que o deterioro destas rúas vai en aumento.
"O Goberno de Martiño Noriega está a ser incapaz de sacar adiante un dos instrumentos fundamentais para solucionar a maioría dos problemas desta zona, como é o Plan Especial do Casco Histórico, un documento que o Partido Popular deixou contratado cando gobernaba no Pazo de Raxoi. Polo que é imprescindible que CA proceda ao urxente desbloqueo deste Plan e elabore un documento que contemple toda as necesidades, polo que debe ser consensuado e nacer para perdurar" aseguran os de Agustín Hernández.
"So cun paseo pola zona máis emblemática da cidade, pódese comprobar como está a padecer o desgoberno de Martiño Noriega, o que, nos seus case catro anos de mandato, so foi quen de darlle as costas a esta zona".
Para o grupo que dirixe Agustín Hernández un dos problemas máis graves é o abandono das persoas que viven na rúa e que precisan atención personalizada por parte do Executivo Local, que "parece máis preocupado polo xestos que polos feitos, o que está a provocar graves problemas de convivencia". Para elo, precísase unha atención singularizada a estas persoas.
Os Populares denuncian tamén que existe un "desinterese absoluto e comprobado polo turismo", que Compostela Aberta ve como un problema e non coma unha oportunidade.
Así mesmo, son moitas as reclamacións das xentes que viven no Casco Histórico, que día a día ven como aumentan situacións como a acumulación de lixo, os problemas de tráfico, que debería ser regulado o mesmo que os estacionamentos, especialmente nos horarios de carga e descarga de mercadorías; e a inseguridade.
Por outra banda, os Populares tamén reclaman a posta en marcha dunha política de incrementos económicos para mellorar e facilitar a implantación de actividades económicas, así como a rehabilitación dos edificios.
"A inacción e o desleixo do Goberno de Compostela Aberta chega a o grao de deixar de cumprir as súas propias promesas como poñer en valor un lugar emblemático como a Alameda" afirman os populares de Santiago..