Solicitan a apertura do CEGADI
Hoxe venres, día 4 de xaneiro, ás 12:00 horas, os Reis Magos farán entrega no Parlamento de Galicia e na Valedora do Pobo, da solicitude de apertura do CEGADI que lle fixeron chegar os pais e nais da ANPA do Colexio de Educación Especial da Barcia.
A situación do Centro Galego de Desenvolvemento Integral (CEGADI), emprazado no concello de Santiago de Compostela, "é unha mostra máis de xestión neglixente da Xunta de Galicia e desleixo no ámbito das políticas sociais".
Trátase dun centro cuxa tramitación se inicia en 2007, momento no que se poñen a disposición os terreos e se formaliza a construción deste novo equipamento social. Dito espazo estaba pensado para a promoción da integración integral da persoas con diversidade funcional nun centro de vangarda.
As previsións iniciais era dotalo de plans de formación específica para persoas con discapacidade, prazas para a rehabilitación funcional, emocional e psicosocial; e con prazas públicas de carácter residencial para os usuarios tanto de discapacidade física como psíquica.
Porén, as obras deste novo equipamento social sufriron retrasos importantes. A pesar de numerosos anuncios para a súa completa posta en marcha durante o ano 2018, este centro segue a estar sen funcionamento, con prexuízo para todas as persoas potencialmente usuarias deste centro, mais tamén permitindo un deterioro das súas instalacións que non é de recibo.
Neste senso, os pais e nais da da ANPA do Colexio de Educación Especial da Barcia, escribiron a súa particular carta os Reis Magos pedindo que a posta en funcionamento deste centro de maneira inmediata, así como a ampliación de prazas públicas de carácter residencial para discapacitados en outros centros do ámbito da área de Compostela, en concreto no Centro Residencial “Juan Vidán Torres” radicado na parroquia compostelá de Laraño.
Melchor, Gaspar e Baltasar recibiron con preocupación dita solicitude ao constatar a urxente necesidade de prazas públicas que existe actualmente para os nenos con discapacidade intelectual escolarizados en Santiago de Compostela, e que unha vez rematada a súa escolarización aos 21 anos, se atopan sen ningún tipo de atención neste senso.
Así, puideron comprobar que durante este ano foron moitos colectivos e familias as que solicitaron nas cartas dirixidas as súas Maxestades a inmediata posta en funcionamento deste equipamento social e de novas prazas publicas de carácter residencial.
É por iso, polo que hoxe venres, día 4 de xaneiro, ás 12:00 horas, os Reis Magos farán entrega destas peticións persoalmente no Parlamento de Galicia e na Valedora do Pobo. Do mesmo xeito, as Súas Maxestades Melchor, Gaspar e Baltasar consideran que durante o 2018 o Goberno da Xunta non se portou ben coa discapacidade ao non cumprir a súa promesa de abrir o CEGADI durante o pasado ano, polo que farán entrega do correspondente saquiño de carbón para o seu executivo, coa esperanza que sirva de chamada de atención para durante o 2019 teñan máis en conta as súas demandas.