A compañía Larei Lará porá hoxe xoves en escena “Brancaneves e o 7”
Unha actuación incluída no XXIII Festival de Títeres de Brión, que encherá da maxia dos monicreques o centro social polivalente brionés este xoves e venres
O centro social polivalente de Brión acollerá hoxe xoves 3 de xaneiro, ás 17:30 horas, a actuación da compañía Larei Lará, que porá en escena a súa obra “Brancaneves e os 7”. Unha actuación incluída no XXIII Festival de Títeres de Brión, que encherá da maxia dos monicreques o centro social polivalente brionés este xoves e venres. En ambos casos, a entrada é totalmente libre e de balde.
O conto clásico dos irmáns Grimm será o protagonista da sesión de mañá xoves, unha recreación de 50 minutos con teatro, música en directo e monicreques de mesa tallados en madeira. A historia desenvólvese ao redor dunha gran lareira na que un ancián rei lembra as aventuras da súa filla e dos encontros que tivo con sete misteriosos personaxes do bosque.
Pechará o XXIII Festival de Títeres a compañía Teatro Marionetas Trécola, que porá en escena “Tolitates” o venres 4 de xaneiro. Un espectáculo, tamén de 50 minutos de duración, que presentará en Brión unha técnica moi novidosa de manipulación e unha mestura de teatro de obxectos, monicreques de fíos, bunraku e guiñol no que non haberá palabra ningunha, desaparecidas fronte a un escenario no que dominan a pantomima e a música. A actuación tamén será no polivalente, ás 17:30 horas.