O Goberno Municipal de Ames reuníuse coa directora de Augas de Galicia para reclamar unha ampliación da EDAR de Sisalde
A EDAR de Sisalde presta servizo aos concellos de Ames e Brión. Dita depuradora, que está situada ao carón do río Sar, na parroquia de Ortoño, comezou a funcionar o 15 de marzo de 2001
O alcalde de Ames, Jose Miñones, e mailo concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, reuníronse coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, para abordar a posible ampliación da EDAR de Sisalde. Augas de Galicia comprometeuse a colaborar para tratar de acadar a implicación do Ministerio para a Transición Ecolóxica na ampliación da depuradora que solucione este problema de competencia municipal.
Tamén se abordou a posible ampliación do servizo de abastecemento da ETAP de Lens, co obxectivo de executar a canalización necesaria para levar auga potable ata O Milladoiro e o seu entorno; e do proxecto conxunto de saneamento para as parroquias amesás de Piñeiro e Tapia, así como para a parroquia de Troitosende do concello de A Baña.
A EDAR de Sisalde presta servizo aos concellos de Ames e Brión. Dita depuradora, que está situada ao carón do río Sar, na parroquia de Ortoño, comezou a funcionar o 15 de marzo de 2001 e foi deseñada para atender a unha poboación de 10.400 habitantes.
No ano 2007, a empresa concesionaria do Ciclo integral da auga de Ames, fixo un informe sobre o estado da EDAR de Sisalde no que dicía que se estaba prestando servizo a uns 18.000 habitantes.
Isto supoña sobrepasar nun 80% á poboación inicial que estaba previsto atender. Posteriormente, no ano 2017, a empresa concesionaria volve a facer un informe no que se indica que na actualidade a poboación á que está atendendo esta EDAR é de 23.500 habitantes. No devandito informe recóllese a necesidade urxente de construír unha nova EDAR.
Dende hai varios anos vense falando da elaboración dun anteproxecto para a ampliación da EDAR de Sisalde porque esta planta está saturada, tal e como indican todos os informes técnicos redactados pola empresa concesionaria, os técnicos municipais e incluso os de de Augas de Galicia. Augas de Galicia dispón dun anteproxecto que sería necesario actualizar, no caso de acadarse garantías de financiamento para executalo.
Así mesmo, o 16 de outubro de 2014, por parte do departamento de obras de Augas de Galicia informouse ao Concello de Ames que se estaba redactando o proxecto construtivo que desenvolve dito anteproxecto. Posteriormente, o 16 de febreiro de 2015 publicouse no DOG o remate da tramitación do informe de impacto ambiental, e desde esa data non se volveu a ter máis información sobre as tramitacións relativas a este proxecto, nin tampouco se recibiu no Concello de Ames copia do proxecto de ampliación.
Debido a iso, e co obxectivo de avanzar na posible ampliación de dita depuradora o alcalde de Ames, Jose Miñones, e mailo concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, reuníronse coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez. Augas de Galicia comprometeuse a colaborar para tratar de acadar a implicación do Ministerio para a Transición Ecolóxica na ampliación da depuradora que solucione este problema de competencia municipal
O alcalde de Ames, José Miñones, indica que “a disposición da directora de Auga de Galicia foi boa e trasladounos que se van iniciar os trámites para elaborar o proxecto de ampliación da EDAR de Sisalde. Esta obra é moi necesaria porque está depuradora, que atende a usuarios e usuarias dos concellos de Ames e Brión, está moi por encima da súa capacidade, xa que foi creada para atender unha poboación de 10.400 habitantes”.