miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Preto de 140 nenos divírtense a aprenden no Nadal Lúdico de Ames

Preto de 140 nenos divírtense a aprenden no Nadal Lúdico de Ames
Preto de 140 nenos divírtense a aprenden no Nadal Lúdico de Ames

O Nadal Lúdico 2018 conta coa participación dun total de 138 rapaces e rapazas, dos que 88 acoden ao Milladoiro e 50 a Bertamiráns

O pasado luns, 24 de decembro, comezou unha nova edición do programa Nadal Lúdico, co que o Concello de Ames procura axudar ás familias a compatibilizar a vida laboral e familiar ofrecendo actividades matinais ás crianzas do segundo ciclo de infantil e de educación primaria, que nesta edición están destinadas a reforzar as habilidades de pensamento e linguaxe dos cativos e cativas como cidadáns. O programa, no que están inscritos 138 nenos e nenas, conta con servizo de Bos días e comedor.

O Nadal Lúdico 2018 conta coa participación dun total de 138 rapaces e rapazas, dos que 88 acoden ao Milladoiro e 50 a Bertamiráns. Durante os días 24, 26, 27, 28 e 31 de decembro, así como o 2, 3, 4, e 7 de xaneiro, os nenos inscritos están a realizar unha gran variedade de actividades e xogos en horario de 9.00 a 14:00 horas, excepto aqueles para os que se lle solicitou o servizo Bos Días, que comeza ás 7:30 horas, ou o servizo de comedor, que remata as 16:00 horas.

Este programa de conciliación, que segue un fío argumental iniciado xa na Primavera Lúdica e que se estendeu durante as conciliacións de xuño e setembro, ten como lema “Mundo Miúdo: xogando a pensar”. 

Así, esta iniciativa basease no proxecto de Mathew Lipman Filosofía para nenos, e ten como obxectivo que os nenos e nenas se convertan en membros da sociedade capaces de debater sobre calquera tema na busca de solucións ao tempo que reflexionan de xeito ordenado e respectuoso cos demais. 

Para iso, realizaranse diversas actividades destinadas a exercitar o seu pensamento crítico, desenvolver o pensamento creativo e familiarizarse co pensamento ético.

Neste senso, o bloque apoiarase na lectura dramatizada da obra de Carlos Casares “Galiña Azul”, na que os nenos e nenas formarán parte da pequena aldea que aparece neste libro debendo tomar decisións sobre o futuro destas galiñas tan peculiares. 

Tamén realizarán unha xincana de Participación Cidadá, centrada na análise do lugar onde viven a través dos seus ollos, para sinalar os problemas que detectar e buscar posibles solucións. Asemade, os e as cativas organizarán e deseñarán unha campaña electoral.

Ademais das actividades temáticas, os rapaces e rapazas tamén levan a cabo dinámicas de relaxación, xogos de lóxica en grupo que lles facilitan a toma de decisións de maneira crítica, así como xogos de auga ou actividades de cooperación, todo elo dende unha perspectiva coeducativa de xénero e igualdade. Tamén ocupan un lugar importante no día a día dos nenos e nenas actividades como o batedor de linguas, dinámicas de oratoria e animación á lectura.

Comentarios
Lo más