Adxudican o asfaltado de catro camiños na parroquia de Oleiros
O prazo de execución é dun mes e medio
A Xunta de Goberno local vén de adxudicar na súa reunión da semana pasada a aplicación de aglomerado asfáltico a catro camiños situados na parroquia de San Martiño de Oleiros, nos lugares de Sobrido, Xenxides, Portochouzo e Lixó.
A actuación recaeu na empresa Canarga e o seu importe ascende a 35.050 euros. O prazo de execución é dun mes e medio.
Conforme ao proxecto técnico elaborado, polo que respecta a Sobrido estenderase unha capa de aglomerado de 5 centímetros de espesor de aglomerado en quente. No que se refire a Xenxides, ademais dun aglomerado de 5 centímetros de espesor, instalarase unha rede de saneamento de 60 metros de lonxitude a base de colectores de PVC liso de 250 milímetros de diámetro, ata a súa conexión coa rede xeral na AC-550.
Tocante a Portochouzo, estenderase igualmente unha capa de 5 centímetros de espesor. Por último, en Lixó diferenciaranse dúas zonas: unha con aglomerado sobre o que se pavimentará directamente e outro tramo no que se procederá á escavación e desbroce da capa superficial e a estender unha primeira capa de zahorra antes de aglomerar.