miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

"Cantos de taberna" chega esta semana aos centros cívicos

"Cantos de taberna" chega esta semana aos centros cívicos
"Cantos de taberna" chega esta semana aos centros cívicos

O programa de Cantos de Taberna desenvolverase o 2 de xaneiro no Centro Cívico do Romaño, o 3 de xaneiro en Fontiñas e o 4 no Centro Cívico do Ensanche

A próxima semana, os centros cívicos do Romaño, Fontiñas e O Ensanche serán escenario dunha actividade incluída na programación de Nadal, e que o Concello pon en marcha en colaboración coa Asociación Muiñeiros do Sarela. Trátase dun ciclo de Cantos de Taberna, que inclúe obradoiros nos que as persoas participantes poderán aprender o repertorio tradicional que despois será interpretado polas rúas e tabernas de cada barrio.

A tenenta de alcalde, María Rozas, presentou a pasada semana o programa de Cantos de Taberna, nunha rolda de prensa na que participaron dous dos integrantes dos Muiñeiros do Sarela, Fernando Rosendo e Alexandre Cadarso. A concelleira explicou que o obxectivo do programa é "participar da recuperación dunha tradición que tivo o seu momento de esplendor nos anos 60, e que nos últimos anos se vén retomando en moitas cidades galegas da man de agrupacións vinculadas á música tradicional". 

María Rozas sinalou que "o Concello de Santiago entende que é positivo que os cantos de taberna non fiquen reducidos a grupos e asociacións, senón que o conxunto da veciñanza sexa coñecedora dun repertorio que forma parte tamén do noso patrimonio inmaterial".

OBRADOIROS E PERCORRIDOS POLOS BARRIOS

O programa de Cantos de Taberna desenvolverase o 2 de xaneiro no Centro Cívico do Romaño, o 3 de xaneiro en Fontiñas e o 4 no Centro Cívico do Ensanche. Nos tres casos, haberá primeiro un obradoiro en horario de seis a oito da tarde e, a partir desa hora, as persoas participantes comezarán os percorridos polas rúas e tabernas dos respectivos barrios. 

Así, o 2 de xaneiro pasarán pola Pulpería Parrillada Buxán (20:30 horas), Cervexería da Avoa (21:15 horas), Bar Misesé (22:00 horas) e Bar O Bo Xantar (22:45 horas). O día 3 será a quenda para os bares das Fontiñas, comezando polo Bodegón Os Concheiros ás 20:30 horas e continuando polo Rakel (21.15 horas), Gasthof (22:00 horas) e rematando ás 22:45 horas na Cafetería Zona Verde de Área Central. 

Xa o venres, o programa Cantos de Taberna chegará á Cafetería Krystal (20:30 horas), A Rosaleda (21:15 horas), Galopín (22:00 horas), Triskel (22:45 horas), A Taberna do Ensanche (20:30 horas), La Codorniz (21:30 horas) e Castelao (22:30 horas).

Os obradoiros estarán dirixidos por Alexandre Cadarso, que ten publicado o libro Cantigas de Taberna. Trátase dun traballo que recolle un cento de cantos populares coas súas correspondentes partituras, acompañadas con ilustracións de Manuel Torres. 

Tal e como salientou a tenenta de alcalde, o libro "servirá de gran axuda neste ciclo impulsado dende o Concello, pero sobre todo é moi interesante para conservar ese legado cultural que debemos reivindicar". Alexandre Cadarso deu conta do contido dos obradoiros e quixo convidar "a todo o mundo a participar, incluídas as persoas que tocan algún instrumento, porque intentaremos reproducir as 20 pezas e os cantos de Nadal que están recollidos no libreto".

Fernando Rosendo, pola súa banda, fixo un percorrido pola historia da súa entidade, Muiñeiros do Sarela, que ten como obxectivo "preservar a cultura tradicional galega. Por iso, engadiu, "desenvolvemos esta actividade, na que adoita participar moita xente e que serve tamén para promocionar os lugares onde imos actuar".

A participación no programa de Cantos de Taberna é de balde, e a intención do Concello é que esta actividade se manteña no tempo con futuros obradoiros nos centros cívicos. 

Comentarios
Lo más