Concello de Noia e Club Atletismo Noia convocan a décimo quinta edición da San Silvestre
Para participar non é preciso anotarse, só acudir ás 17:00 horas á saída dende a Alameda
O Concello de Noia e o Club Atletismo Noia convocan, por decimo quinto ano consecutivo, a San Silvestre Noia, que terá lugar ás 17:00 horas do hoxe luns 31 de decembro. Coma en anteriores edicións, non será preciso inscrición algunha, só acudir ás 17:00 horas ao punto de saída, instalado na Alameda noiesa.
A proba, con saída e meta na Alameda, terá lugar “sobre un circuíto urbano duns 3 quilómetros de dificultade baixa, polo que está aberta a todo tipo de público, independentemente da súa idade ou condición física. Ao remate da proba terá lugar no claustro do concello o tradicional brindis de fin de ano e degustación de produtos do Nadal”, explica o concelleiro de Deportes, Ramón Santos.
Para a celebración da San Silvestre Noia 2018, o Concello de Noia e o Club Atletismo Noia contan coa colaboración da Policía Local de Noia, Protección Civil de Noia, Cruz Vermella e Asociación de Voluntarios de Protección Civil de Noia.