A Xunta de Galicia inicia o procedemento para o cambio da titularidade de tres treitos do ramal dirección Palmeira
A Axencia Galega de Infraestruturas procederá a regularizar administrativamente esta situación “para que repercuta nunha clara e eficiente conservación e explotación”
A Axencia Galega de Infraestruturas vén de iniciar os trámites para solicitar á Deputación da Coruña o cambio de titularidade de tres treitos da estrada DP-7310 que se solapan co ramal da autovía AG-11 que sae en en dirección Palmeira e ten competencia autonómica.
Así llelo comunicou por escrito ao Concello de Ribeira a devandita Axencia –dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade– despois de que o ente local enviase unha carta no pasado mes interesándose pola titularidade da devandita estrada.
Neste senso e de acordo co citado escrito, o vial que une a estrada AC-305 e o enlace de Palmeira da autovía AG-11 está formado por treitos da estrada DP-7310 da Deputación e por treitos construídos no seu día pola Xunta de Galicia como variantes de novo trazado da estrada provincial. É dicir, no ramal de conexión conviven treitos de titularidade provincial con outros de titularidade autonómica sen que exista delimitación física evidente entre uns e outros.
Mellor conservación e explotación
Por esta razón, a Axencia Galega de Infraestruturas procederá a regularizar administrativamente esta situación “para que repercuta nunha clara e eficiente conservación e explotación”.
Os treitos afectados teñen lonxitudes de 427, 326 e 298 metros se ben este último carece actualmente de plataforma viaria porque foi demolida para construír o enlace á autovía.
Non entran dentro do cambio de titularidade solicitado outros dous treitos que non se solapan co ramal de conexión entre a AC-305 e o enlace de Palmeira.