O Pleno de Ames porá a disposición da Xunta os terreos necesarios para ampliar o CEIP Agro do Muíño
A Corporación municipal aprobou, por unanimidade, a posta a disposición da Xunta de Galicia do terreo necesario para ampliar o CEIP Agro do Muíño con 6 novas aulas
Este xoves, 27 de decembro, celebrouse o pleno ordinario correspondente ao mes de decembro no que a Corporación municipal aprobou, por unanimidade, a posta a disposición da Xunta de Galicia do terreo necesario para ampliar o CEIP Agro do Muíño con 6 novas aulas, para grupos de educación primaria, coas que este colexio pasará a ter unha liña máis.
Tamén se aprobaron o regulamento da Escola municipal de música de Ames; a modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola actividade administrativa do cemiterio municipal; a primeira modificación da ordenanza reguladora do prezo público polos servizos funerarios do cemiterio municipal; e unha proposta do PSdeG sobre a política do Goberno galego en relación do financiamento das Entidades locais.
A Corporación municipal aprobou, por unanimidade, a posta a disposición da Xunta de Galicia do terreo necesario para ampliar o CEIP Agro do Muíño con 6 novas aulas, para grupos de educación primaria, coas que este colexio pasará a ter unha liña máis.
Deste xeito disporase de tres liñas de primaria. Unha vez superado dito trámite, será a Consellería de Educación a que teña que elaborar o proxecto, licitar o expediente de contratación do proxecto e executar as obras, para as cales hai reservada unha partida de 500.000 euros. Dita parcela, que será destinada a equipamento público, está situada ao carón do actual centro.
Previamente, no pasado mes de marzo, aprobouse nun pleno extraordinario a aprobación definitiva da modificación do plan parcial do sector de solo urbanizable S-15 (As Cortes-A Condomiña) para poder cederlle dita parcela á Xunta de Galicia. A través de dita modificación o que se fixo foi unir á parcela onde está situado o colexio a unha superficie de espazos verdes.
A superficie de espazos verdes ascende a 4.345 m2 que unidos ós 10.300 m2 actuais do colexio dan unha superficie total de 14.645 m2, co que se garante suficientemente a ampliación da parcela para acometer a ampliación das aulas de educación primaria e a parte proporcional de zonas comúns, quedando aínda un espazo reservado para futuras ampliacións.
Este centro de ensino estase ampliando en dúas fases. Na primeira fase, construíronse 3 novas aulas de educación infantil, que contaron cun orzamento de 342.997,28 euros. Agora, na segunda fase, construíranse novas aulas para o alumnado de educación primaria.
Regulamento da Escola municipal de música
Tamén se aprobou, de xeito inicial, o regulamento da Escola municipal de música de Ames, que foi sometido a exposición pública durante 30 días hábiles, rematados o pasado 15 de novembro, co obxectivo de que a veciñanza puidese facer as achegas que estimase oportuno.
Dita proposta de regulamento dispón dun preámbulo e cinco títulos, onde se recolle a organización da Escola de Música, os recursos humanos e materiais, así como o funcionamento e réxime interior. Este punto saíu adiante co voto a favor dos membros do goberno e mailos concelleiros de Ames Novo, mentres que os edís do Partido Popular e de Pacto por Ames votaron en contra.