Oroso adicará 123.000 euros para entidades deportivas, culturais e asistencia social
“Trátase de asociacións que coñecen ben o tecido social de Oroso e fan unha boa labor”, asegura o alcalde, Manuel Mirás
O Concello de Oroso aprobou un total de 123.000 euros en subvencións dirixidas a entidades e asociacións que traballan no eido dos deportes, a cultura ou a asistencia social.
En concreto, destina 15.000 euros a asociacións que traballan na área de participación cidadá; 65.000 euros a entidades deportivas; 11.000 euros para actividades relacionadas con educación; 4.000 na área de asistencia social, e 28.000 para entidades do eido da Protección Civil.
“Trátase en todos os casos de asociacións que coñecen ben o tecido social de Oroso e fan unha boa labor, involucrando á cidadanía e mellorando os seus servizos”, asegura o alcalde, Manuel Mirás
Ás actividades que realizan estas entidades están á marxe das partidas que destina o Concello anualmente a organizar de forma directa programas culturais, de conciliación da vida laboral e familiar, as actividades para maiores ou as actividades en centros veciñais e parroquias.
Dentro das subvencións, a maior partida é para os deportes xa que se trata dunha das actividades más descentralizadas do Concello, debido á existencia de numerosos clubes. Non pasa así na cultura ou a asistencia social, onde a maior parte dos programas os asume directamente o concello.
“O tecido asociativo, as entidades que traballan para a cidadanía, son un activo hoxe en día para calquer concello; afortunadamente, en Oroso temos moita xente organizada que desenvolve actividades pensando no ben común”, engade Mirás.