miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Preto de 800 persoas participarán hoxe no II Trail e Andaina San Silvestre Lousame “Minas de San Finx”

Preto de 800 persoas participarán hoxe no II Trail e Andaina San Silvestre Lousame “Minas de San Finx”
Preto de 800 persoas participarán hoxe no II Trail e Andaina San Silvestre Lousame “Minas de San Finx”

As 381 persoas participantes na Andaina sairán ás 10:00 horas e as 397 do Trail ás 11:00 horas

Un total de 778 persoas participarán mañá domingo 30 de decembro na segunda edición do Trail e da Andaina San Silvestre Lousame Minas de San Finx, que terá lugar entre as 10:00 e as 14:30 horas aproximadamente. O punto de encontro será o polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra, onde dende as 8:00 horas deberán recoller os seus dorsais.

Dende a organización recomendan deixar os vehículos no aparcamento que haberá habilitado no campo de fútbol de Cruído, xa que o traslado ata a saída nas minas de San Finx farase nos autocares facilitados por Autos Comparados e o estacionamento na contorna do polideportivo estará restrinxido, ao ser a zona de meta. 

No caso da Andaina, cuxo prazo de recollida de dorsais é entre as 8:00 e as 9:15 horas, os primeiros autobuses sairán cara as minas ás 8:30 horas. O derradeiro bus para a Andaina partirá ás 9:15 horas. No caso do Trail, os dorsais poderanse recoller ata as 10:00 horas e o derradeiro autobús sairá ás 10:10 horas.

PERCORRIDOS

Dende as 8:45 ata as 10:45 horas, todos os atletas e os seus acompañantes poderán visitar de balde o museo mineiro das minas de San Finx, acompañados por unha guía. A Andaina solidaria da Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (ASGPOH) sairá ás 10:00 horas, cun percorrido de 14 quilómetros de dificultade baixe e por unha zona diferente ao do trail. 

No quilómetro 7 haberá un avituallamento cortesía de Nutrisport. As 381 persoas participantes na Andaina sairán de San Finx cara Aldeagrande, Filgueira, Maxide, Marracín, Berrimes, Portobravo e Cruído.

O Trail constará de dúas distancias: un Trail Corto de 16 km e un Trail Longo de 24 km, ambos con saída das Minas de San Finx ás 11:00 horas. Para o Trail, Nutrisport ofrecerá tres avituallamentos nos quilómetros 6,5, 12 e 19. 

Ambas probas terán un primeiro tramo común con saída nas Minas, Marselle, Aguieira Ponte Gaiteira, Lesende, Soutorredondo, O Castro, A Pastoriza e Cruído. Neste punto, os participantes no Trail Curto xirarán cara o polideportivo, mentres que o resto continuará cara Seoane, Aldeagrande, Filgueira, Pousada, Maxide e Cruído.

Calcúlase que os primeiros participantes na Andaina (aquelas persoas que a fagan correndo) poidan comezar a chegar a meta en torno ás 13:00 horas, se ben o groso do grupo empezará a chegar en torno ás 13:30 horas. 

Estímase que a cabeza de carreira do Trail Curto faga a súa entrada en torno ás 13:15 horas. Dende a organización lembran que non haberá trofeos nin clasificación para as persoas participantes na Andaina, que terán distintos guías e acompañantes que se adaptarán ao ritmo dos distintos participantes e vixiarán de que non se produza ningunha incidencia. 

Na saída lembrarase que aquelas persoas que decidan adiantar correndo á cabeceira da andaina deberán entregar os seus dorsais, non facéndose responsable a organización de calquera incidencia que poidan sufrir.

A entrega de premios no trail terá lugar ás 14:15 horas no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra e estará presidida pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde Pais. Haberá trofeos para os 3 primeiros clasificados no trail curto e no trail longo, así como trofeos para as persoas máis veteranas.

Comentarios
Lo más