Suspendido o procedemento de selección para cubrir tres prazas de Policía Local de Noia
O Concello de Noia acordou deixar sen efecto a convocatoria para a realización da primeira proba do procedemento, inicialmente fixada para o vindeiro venres 4 de xaneiro de 2019
O Concello de Noia acordou a suspensión do procedemento de selección para a cobertura en propiedade de 3 prazas vacantes do posto de Policía Local, pertencentes ao Grupo C, subgrupo C1, incluídas na oferta de emprego público 2018 do Concello de Noia, así como a suspensión do exame convocado para o vindeiro 4 de xaneiro de 2019.
A suspensión está motivada pola presentación, este xoves 27 de decembro, dun escrito de recusación contra tres membros do Tribunal de selección (Antonio Blanco García, Francisco Fernández Arufe e Francisco Luís Lorenzo Rodríguez) no que se solicita a suspensión da tramitación do procedemento en tanto que non sexa resolta esta solicitude polo superior xerárquico dos recusados.
Unha petición amparada por distintos artigos recollidos na Lei 40/2015 de Réxime Xurídido do Sector Público, na Lei 39/2015 do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas e na Lei 7/1985 reguladora das Bases de Réxime Local.
Así mesmo, o Concello de Noia acordou deixar sen efecto a convocatoria para a realización da primeira proba do procedemento, inicialmente fixada para o vindeiro venres 4 de xaneiro de 2019, ás 16:00 horas.