Lousame acollerá hoxe unha charla técnica sobre a carreira do domingo e o coloquio “O mundo do trail running"
Entre as 18:00 e as 20:00 horas poderán recollerse os dorsais para o II Trail e Andaina Minas de San Finx
O auditorio da Casa da Cultura de Lousame acollerá hoxe sábado 29 de decembro, a partir das 18:45 horas, dúas charlas formativas sobre o mundo do trail, organizadas polo Club Lousame Deporte e o Concello de Lousame. A entrada é totalmente libre e de balde.
Ás 18:45 horas terá lugar unha charla técnica sobre o II Trail Minas de San Finx, na que o presidente do Club Lousame Deporte, Néstor Romero Agra, explicará os pormenores da carreira deste domingo 30 de decembro e que conta con 397 participantes.
Unha ocasión que as persoas participantes poderán aproveitar para coñecer polo miúdo os percorridos do Trail Curto (16 km) e do Trail Longo (24 km), así como para resolver calquera tipo de dúbida. Ademais, entre as 18:00 e as 20:00 horas poderán recollerse na Casa da Cultura os dorsais para a carreira do domingo.
Ás 19:00 horas terá lugar a charla-coloquio “O mundo do trail running”, dirixida polo xornalista Terio Carrera e na que participarán Aroa Sío Recknold, campioa galega de Trail; Luís Calvo, campión do I Trail San Silvestre de Lousame e membro da selección galega; José Luís Nava Ruíz, representante da marca técnica Lurbel; e Néstor Romero Agra, técnico de deportes de Lousame e presidente do Club Lousame Deporte. “Será unha ocasión única para aprender da experiencia destes grandes corredores e resolver calquera tipo de dúbida sobre o mundo do trail-running”, explica Néstor Romero.