miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

En marcha as obras de acondicionamento do centro sociocomunitario de Sergude, Boqueixón

En marcha as obras de acondicionamento do centro sociocomunitario de Sergude, Boqueixón
En marcha as obras de acondicionamento do centro sociocomunitario de Sergude, Boqueixón

Os traballos, cun orzamento de 202.000 euros, estarán finalizados en primavera

O Concello de Boqueixón xa ten en marcha as obras de acondicionamento do futuro centro sociocomunitario de Sergude. “Con esta actuación, a veciñanza poderá dispoñer dun local no que desenvolver todo tipo de actividades, especialmente aquelas dirixidas á poboación da terceira idade”, indica o alcalde, Manuel Fernández Munín.

O rexedor tamén lembrou que este proxecto é posible grazas á aportación de 200.000 euros por parte da Consellería de Política Social, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade, virtude dun convenio de colaboración asinado por ambas as dúas entidades para desenvolver os traballos. O prazo de execución dos traballos é de seis meses, polo que “se prevé ter todo rematado en primavera”.

As obras comprenden arranxos tanto na planta baixa coma no semisoto. Un dos principais obxectivos desta actuación é facer o inmoble totalmente accesible. Deste xeito, estase a levar a cabo unha nova distribución e acondicionamento dos aseos para persoas de mobilidade reducida. Tamén se realizará a substitución das portas da planta baixa para dotalas dunha anchura libre maior de 80 centímetros, especialmente pensadas para o paso de cadeiras de rodas.

Na actualidade, estase a desenvolver a substitución do falso teito por un novo con aillamento. O proxecto contempla, ademais, a reposición das fiestras por outras de dobre acristalamento e con rotura de ponte térmica. Unhas actuacións que se verán reforzadas coa nova instalación de climatización tanto na planta baixa coma no semisoto.

Por outra banda, o proxecto tamén contempla a habilitación de paneis móbiles en ambos andares. Deste xeito, poderanse crear espazos independentes con superficies distintas e adaptadas a distinto tipo de actividades, que se poderán desenvolver ao mesmo tempo.

Finalmente, contémplase a creación dun espazo exterior cuberto na entrada principal do edificio co fin de mellorar o acceso ao futuro centro sociocomunitario nos días de mal tempo.

Comentarios
Lo más