O II Trail e Andaina San Silvestre Lousame “Minas de San Finx” reunirá a 778 participantes, 336 máis ca na primeira edición
Unha vez pechado o prazo de inscrición, o Trail duplicou o seu número de inscricións e rexistrará 397 atletas
A segunda edición do Trail e da Andaina San Silvestre Lousame Minas de San Finx, que terá lugar durante a mañá deste domingo 30 de decembro, vén de pechar inscricións cun total de 778 participantes: 397 no trail e 381 na andaina. Unha cifra que supón un 76% máis co ano pasado e practicamente duplicar o obxectivo marcado inicialmente: superar os 400 participantes.
A concelleira de Deportes, María Regenjo, amósase moi satisfeita con estas cifras “pois son un respaldo ao traballo que se está a facer dende o Concello de Lousame e dende o Club Lousame Deporte. Agora agardar que se cumpran as previsións de bo tempo para que estas 800 persoas desfruten dunha xornada que combina deporte, cultura, turismo e solidariedade”.
Neste sentido, Regenjo salienta o repunte das inscricións na andaina solidaria da Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (ASGPOH) que, nestes catro últimos días, pasou dos 141 anotados o venres aos 381 definitivos. “O ano pasado recadamos máis de 1.300 euros con 271 participantes, unha cifra que se incrementará este ano grazas ás 381 persoas que formalizaron a súa inscrición na andaina”, explica a concelleira de Deportes. Uns cartos que servirán para seguir avanzando nas investigacións desta enfermidade ultrarrara. Participación no Trail
Pola súa banda, o presidente do Club Lousame Deporte, Néstor Romero, salienta a gran participación rexistrada no trail “onde duplicamos as inscricións da primeira edición, o que demostra que foi unha boa idea ofrecer as dúas modalidades de proba e que a xente quedou moi satisfeita da primeira edición”. Unha proba que contará cun cartel de participantes de luxo, con Aroa Sío Recknold (campioa galega de carreiras por montaña e 3ª no Campionato de España Ultra Fedme 2018), Fernando Arca (3º no campionato galego de carreiras por montaña e gañador do Quiroga Trail Challenge, do Trail Do Lor, do Trail Ribeira Sacra e da Nocturna do Xalo); Samuel Saborido Soñora (2º no campionato galego de carreiras por montaña), Elpidio Gómez Sousa (3º na categoría Veteranos A da Copa de España de Carreiras por Montaña) e Luís Calvo Castro (gañador do I Trail Minas de San Finx).
A estes uniranse outros nomes ilustres como a atleta Pilar Barreiro Senra, Fernando Pérez Fernández “Dete” (recentemente nomeado mellor deportista de Lousame do 2018), Carlos Lorenzo Blanco (gañador da IV Carreira Popular Pilar Barreiro Senra), Carlos Juanatey García (3º na IV Carreira Popular Pilar Barreiro Senra) ou Beatriz Barroso Pérez (3ª na IV Carreira Popular Pilar Barreiro Senra).
Recollida de dorsais
As 778 persoas participantes terán dúas opcións para recoller os seus dorsais, para o que será imprescindible presentar o seu DNI. A primeira será o sábado 29 de decembro, de 18:00 a 20:00 horas, na Casa da Cultura de Lousame, coincidindo coa charla técnica “O mundo do trail running”, dirixida por Terio Carrera e na que estarán presentes atletas como Aroa Sío Recknold, Samuel Saborido Soñora e Luís Calvo Castro, así como un representante técnico de Lurbel, prestixiosa marca de equipamento deportivo emprazada en Valencia.
A segunda opción será o propio día da carreira, no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra. As persoas participantes na Andaina poderán recoller os dorsais entre as 8:00 e as 9:15 horas, sendo trasladados ata as minas de San Finx polos autocares de Autos Comparados a partir das 8:30 horas. No caso do trail, a recollida de dorsais estará aberta entre as 8:00 e as 10:00 horas, con servizo de autobuses de 8:30 a 10:10 horas (saída do último autobús).
Os autobuses levarán aos/ás participantes, tanto da andaina como do trail, dende o polideportivo municipal (zona de meta) ata o poboado das minas de San Finx, dende onde sairán as tres probas. Dende as 8:45 e ata as 10:45 horas, todos os atletas e os seus acompañantes poderán visitar o museo mineiro das minas de San Finx acompañados por unha guía.
A andaina sairá ás 10:00 horas, cun percorrido de 14 quilómetros de dificultade baixe e por unha zona diferente ao do trail. No quilómetro 7 haberá un avituallamento cortesía de Nutrisport. A proba do trail constará de dúas distancias: un Trail Corto de 16 km e un Trail Longo de 24 km, ambos con saída ás 11:00 horas. Para o Trail, Nutrisport ofrecerá tres avituallamentos nos quilómetros 6,5, 12 e 19. En cada lugar de avituallamento haberá papeleiras onde depositar o lixo, pois é obriga de cada participante levar os seus desperdicios ata a meta ou ata estes puntos de avituallamento.
“O trail transcorre por un tipo de terreo variado, con zonas técnicas e rápidas. OTrail Corto terá unha dificultade baixa, xa que o obxectivo principal é que sexa asequible para a maioría dos participantes e sexa unha boa proba para quen queira iniciarse nesta disciplina. Nesta edición engadimos un Trail Longo, un pouco máis esixente e onde os participantes terán algunha zona cun pouco máis de dificultade”, explica Néstor Romero.
A entrega de premios no trail terá lugar ás 14:15 horas no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra. Haberá trofeos para os/as 3 primeiros clasificados/as no trail curto e no trail longo, así como trofeos para as persoas máis veteranas.