O GAEM DE Ribeira atopa en Corrubedo novos restos do "Banque Populaire IX"
O trimarán naufraou na disputa da regata Route du Rhum
Efectivos do GAEM de Riveira atoparon en Corrubedo novos restos do trimarán “Banque Populaire IX”, embarcación que naufragara o mes pasado durante a disputa da célebre regata Route du Rhum (Ruta do Ron) que ten lugar cada catro anos entre Saint Malo (Francia) e a illa de Guadalupe (nas Antillas francesas).
O grupo de emerxencias municipal fora alertado ás nove da noite do xoves por Salvamento Marítimo da presunta aparición destes restos en cabo Corrubedo, entre a praia do Prado e o faro, aínda que non puideron confirmar esta existencia pola nula visibilidade.
O venres fíxose unha nova batida na que si se atoparon fragmentos da devandita embarcación, de 32 metros de eslora, que afundiu o pasado 7 de novembro preto das Azores durante a terceira xornada da citada regata. O seu único tripulante, Armel Le Cleac’h, fora rescatado por un pesqueiro portugués mentres que a maior parte do trimarán foi remolcado ata Moaña por unha embarcación inglesa contratada pola empresa propietaria e a compañía aseguradora.
Dáse a circunstancia que a pasada semana apareceu outra parte do barco a trinta millas ao oeste de Sálvora que foi remolcada ata o porto de Riveira polo Salvamar Sargadelos.