miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Incéndiase a carga dun camión na AP-9

Incéndiase a carga dun camión na AP-9
Incéndiase a carga dun camión na AP-9

Tivo lugar onte ás 19:30 ao paso da AP-9 por Caldas de Reis

Os bombeiros sufocaron un incendio orixinado na carga dun camión cando circulaba pola AP-9, ao paso pola localidade pontevedresa de Caldas de Reis. Por fortuna, ninguén resultou afectado e a combustión dunha cuarta parte da carga tampouco supuxo un risco para os condutores da autoestrada. En todo momento, o vehículo foi abeirado e apenas dificultou o tráfico, excepto durante as tarefas de extinción, concretamente, na saída de Carracedo.

En canto ao material que transportaba o camión, os Bombeiros do Salnés sinalaron que se trataba, fundamentalmente, de residuos industriais, tales como disolventes e material médico. Non obstante, os axentes da Garda Civil manteñen inmobilizado o vehículo á espera dunha inspección en profundidade da carga, xa que nun primeiro momento o condutor indicou que trasladaba restos de pirotecnia.

Este operativo activouse ás 19:30 horas de onte tras recibir o 112 Galicia a chamada dun particular que avisaba dun camión ardendo na AP-9, quilómetro 104, sentido A Coruña. 

En pouco tempo, os bombeiros controlaron e sufocaron o foco do incendio e a circulación pola autoestrada efectouse con normalidade, salvo o ramal de Carracedo que permaneceu cortado mentres duraron os traballos de extinción. Ao mesmo tempo, cómpre sinalar que se extremaron as precaucións debido ás primeiras informacións do camioneiro que indicaba que parte da carga era material pirotecnico. Por iso, os axentes de seguridade decidiron inmobilizar o vehículo ata aclarar o contido da carga e que foi o que motivou o incendio.

Comentarios
Lo más