Esta fin de semana, visitas guiadas e talleres para a familia na programación de PASEARTE
Santiago Centro colabora coas galerías Nordés, Trinta, Metro, Luisa Pita e Federica no era Tonta na Mostra de Arte nos Escaparates, con obras de 60 artistas en 90 establecementos
A mostra de arte en escaparates do Ensanche de Compostela Pasearte abre esta fin de semana a súa programación de talleres para toda a familia. Creadores de primeira liña impartirán obradoiros para todos os públicos no Centro Cívico do Ensanche, dentro dun calendario no que continúan as visitas guiadas ás obras da exposición urbana e tamén ás galerías de arte implicadas no evento, Luisa Pita, Nordés, Metro, Federica no era Tonta e Trinta.
A programación transversal de Pasearte comezou a pasada semana con intervencións artísticas en directo en varios escaparates do Ensanche e as visitas guiadas ás obras. Esta última iniciativa continúa esta fin de semana: os días 21, 26, 28 de decembro e 2 y 4 de xaneiro haberá visitas guiadas, e o sábado 22 un paseo polas cinco galerías que ceden obras á mostra. A actividade parte ás 18 horas da Galería Metro (Xeneral Pardiñas, 12‐16, Local 14) e para asistir é conveniente anotarse no correo pasearte@santiagocentrolgal.
No que toca aos talleres familiares, algúns dos mellores artistas de Galicia e dos creadores emerxentes máis puxantes serán os encargados de levalos a cabo. Neste momento, e debido á gran demanda de asistencia, as prazas están cubertas e a inscrición pechada.
- 22 DEC. Din Matamoro. Galería TRINTA. ATOPAR O QUE UN DÍA CONTEMPLAMOS!!! A arte do cotián: atopa as imaxes ou formas que xorden ao manipularmos algúns alimentos ao cociñar.
- 26 DEC. El Negrito Cimarrón (David Planas). Galería LUISA PITA. PROCESOS CREATIVOS NA EXECUCIÓN DUNHA OBRA DE ARTE Como concibir e elaborar unha obra de arte: proxecto, deseño, formato, materiais e tempo de execución.
- 28 DEC. Haya Blanco. Galería METRO. PINTANDO SOBRE TÉXTIL Experimentaremos como plasmar os nosos deseños sobre unha prenda. Os asistentes levarán unha prenda branca de algodón para pintar nela.
- 2 XAN. Rosendo Cid. Galería NORDÉS. QUE É REALMENTE UN COLLAGE? Unha técnica clásica moito máis ampla, complexa e común do que parece, descuberta de xeito práctico.
- 4 XAN. Santi Jiménez. Galería FEDERICA NO ERA TONTA. DE PEQUENO A GRANDE Hai idade para a arte? Non neste obradoiro, no que os máis pequenos serán os que aprendan a debuxar aos adultos.
Preto dun cento de comercios do Ensanche de Compostela participan na segunda edición de PASEARTE, a Mostra de Arte Contemporánea nos escaparates do Ensanche de Santiago. Santiago Centro, Área Comercial organiza a acción en colaboración coas galerías Luisa Pita ordés, Metro, Federica no era Tonta e Trinta, e co patrocinio de Jael Joyería, Grupo Ulla e Quatrium Inmobiliaria. Javier Blanco Lado é o comisario dunha mostra que achega ao público a obra de sesenta artistas, repartida en preto dun cento de escaparates. Entre os creadores que se poden contemplar están Vari Caramés, Din Matamoro, Antonio Rábago El Roto, Alejandra Atarés, Dario Basso, Joseba Muruzábal, Pierre Louis Geldenhuys ou Pamen Pereira.